Deloitte desbanca a EY e fai pleno co clan de Amancio Ortega: auditará Inditex, Pontegadea e Rosp Corunna.
A elección de Deloitte para revisar os números de Inditex a partir de 2027 provocará que suceda o mesmo con Pontegadea, o holding de Amancio Ortega, que tivo desavinzas con EY no Reino Unido.
De esquerda a dereita, Marta Ortega, Amancio Ortega e Sandra Ortega.
Coincidindo coa presentación dos resultados do terceiro trimestre do seu exercicio, Inditex comunicou a substitución de EY como auditora do grupo. Non será un relevo inmediato. A multinacional de Amancio Ortega, previa proposta da comisión de Auditoría, aprobou someter a votación en xunta de accionistas a contratación de Deloitte para revisar os seus números en 2027, 2028 e 2029. EY completará por tanto un período de catro anos, analizando as contas do xigante téxtil desde 2022 ata 2026.
A firma que dirixiu en Galicia a exconselleira de Facenda Marta Fernández Currás ata outubro de 2023 vén de ter un enfrontamento coa filial británica de Pontegadea cuxa irradiación sobre o actual cambio parece agora escasamente relevante, toda vez que completará catro anos de traballo tanto coa multinacional téxtil como coa family office de Amancio Ortega. Farao a pesar da ruptura con Pontegadea UK en territorio británico en outubro do ano pasado por desavinzas nos honorarios da auditoría realizada sobre o exercicio de 2022.
Actualmente, a empresa galega máis voluminosa que audita EY á marxe do universo Inditex é Gadisa, que se suma a outras de menos facturación pero tamén importantes como Reganosa ou Monbus. Deloitte é a firma que auditaba Inditex antes da incorporación de EY e, entre as big four, a que máis presenza ten entre as grandes empresas de Galicia, pois analiza as contas de Stellantis, Inveravante, Profand ou Jealsa, entre outras.
Pontegadea tamén estará con Deloitte
O regreso de Deloitte a Inditex conlevará tamén a súa volta a Pontegadea Inversiones. A consultora encargarase de revisar os números do grupo co que Amancio Ortega controla o xigante téxtil e co que sostén a maior carteira inmobiliaria dunha empresa española durante os exercicios 2027, 2028 e 2029, nun movemento paralelo ao de Inditex e que provocará tamén a saída de EY. Fontes do grupo explican que o regreso de Deloitte é obrigado unha vez que se converta na auditora da multinacional galega polo peso significativo que ten no holding do fundador. É máis lóxico e práctico que a mesma firma se encargue de dúas empresas estreitamente vinculadas.
Á marxe do camiño anudado de Inditex e Pontegadea queda Partler, sociedade de Amancio Ortega que controla un 9% das accións do xigante da moda e que non consolida co conxunto do grupo, polo que pode ir un pouco máis ao seu aire. Iso aplícase ao auditor, que é KPMG desde hai máis de 20 anos.
Triplete de Deloitte
Salvo maiúscula sorpresa, a firma que preside en España Héctor Flórez anotarase un curioso triplete, pois sumará as contas de Inditex e Pontegadea á revisión dos números do grupo de Sandra Ortega, a filla maior do fundador de Inditex e da falecida Rosalía Mera. O holding da muller máis rica de España controla un 5% da multinacional téxtil e outro 5% de Pharma Mar, aínda que o groso das súas inversións están enfocadas ao ladrillo, como as do seu pai, e ao desenvolvemento turístico e hoteleiro, con proxectos como o que constrúe na península de Tróia en Portugal.
De menor tamaño que Pontegadea, Rosp Corunna pechou o pasado exercicio con máis de 10.000 millóns en activos e con uns beneficios de 330 millóns, un 71% máis que en 2023. Deloitte coñece ben os números e a traxectoria do grupo, pois comezou a analizar as súas contas hai máis de 20 anos, en vida de Rosalía Mera. Esta longa vinculación fai bastante probable que se manteña como auditora de Rosp Corunna.