Ecoener eríxese en “líder fotovoltaico” en Guatemala coa posta en marcha dunha nova planta
A compañía de Luis de Valdivia supera os 500 MW en operación, cun incremento dun 47% nun ano.

Planta de Ecoener de El Carrizo, en Guatemala
Ecoener consolida a súa presenza en Guatemala coa posta en marcha da planta fotovoltaica El Carrizo, a máis grande do país, que conta cunha capacidade de 74,7 megavatios pico (MWp). Con esta operación, os de Luis de Valdivia eríxense en “líder fotovoltaico” no país, onde xa superan os 500 MW en operación, o que supón un incremento do 47% respecto ao ano anterior.
Situada no municipio de San José, El Carrizo ocupa unha superficie de 112 hectáreas e emprega máis de 137.000 módulos fotovoltaicos. A súa produción anual estimada é de 157 gigavatios hora (GWh) e comercializarase mediante un contrato de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) cunha vixencia de dez anos.
En concreto, a nova planta terá capacidade para subministrar a preto de 39.250 fogares con enerxía limpa e evitará deste xeito a emisión anual de aproximadamente 58.090 toneladas de CO2 á atmosfera e o consumo de 13.502 toneladas de combustibles fósiles.
A planta
O proxecto de tecnoloxía fotovoltaica foi financiado cun préstamo do Grupo Financiero BAC, segundo explica a compañía.
A nivel social, El Carrizo xerou a creación de máis de 280 empregos durante a súa construción, dos cales o 46% corresponderon a traballadores locais, e cerca dun terzo foron mulleres co fin de promover a inclusión e o desenvolvemento económico local.
Investimento en Guatemala
En un comunicado, Ecoener indica que emerxe como “o maior investidor español en Guatemala”, tras investir 116 millóns de euros desde 2024 nas plantas de El Carrizo e Yolanda, de 148,4 MWp en total. Neste mercado, Ecoener tamén explota a central hidroeléctrica Las Fuentes de 14,2 MW desde 2016.