Ence cae en números vermellos de 54,5 millóns polo prezo da celulosa e o seu plan de despedimentos
A compañía, que rexistrou unha provisión de 24 millóns de euros para o proceso de despedimento colectivo de Pontevedra e Navia, indica que a pesar das perdas en 2025 ve perspectivas positivas no mercado da celulosa.
Ignacio de Colmenares, conselleiro delegado de Ence / Wikipedia
Ence, a propietaria da biofábrica de Pontevedra, pechou o exercicio 2025 con números vermellos de 54,5 millóns de euros fronte aos beneficios de 31,6 millóns que anotou en 2024. A caída a perdas débese fundamentalmente a dous factores. Por unha banda, o impacto da debilidade da celulosa durante gran parte do exercicio. Por outra, a provisión de case 24 millóns de euros que fixo para afrontar os procesos de axuste de persoal que iniciou na fábrica galega e en Navia, en Asturias.
Segundo a información remitida á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), o grupo liderado por Ignacio de Colmenares pechou o pasado exercicio cunha cifra de negocios de 747,3 millóns de euros, un 14,7% menos. Os ingresos polo negocio da celulosa quedaron en 543 millóns, un 20% menos, mentres que os da área de renovables incrementáronse case un 5% ata os 206 millóns de euros. O ebitda da compañía pasou de 164 a 83,5 millóns, cun retroceso do 49,3%.
A débeda financeira neta do grupo ao peche do ano pasado ascendía a 378 millóns de euros, fronte aos 321 millóns de euros de decembro de 2024.
Recuperación
A compañía, non obstante, cre que a situación da celulosa recuperarase neste exercicio. “En 2025 o mercado global da celulosa de fibra curta experimentou un crecemento do 3,6% nun contexto macro convulso que determinou a evolución dos prezos no ano. Tras tocar un mínimo de 1.000$/tn en agosto, o prezo bruto de referencia en Europa pechou o ano en 1.100$/t, resultando nunha media anual de 1.086$/tn. Os principais produtores xa anunciaran subidas ata os 1.330$/tn”, apuntan. “Os fundamentos da demanda continúan sendo sólidos, impulsados polo incremento do consumo en países emerxentes e o proceso de substitución de fibras. Ademais, os peches de capacidade non competitiva, as transformacións a dissolving e a recente revogación de licenzas forestais en Indonesia, que poderían impactar na produción de entre 1 e 4 millóns de toneladas de celulosa, serven como estímulo para continuar coa tendencia positiva dos prezos”, sosteñen.
A compañía céntrase nestes momentos en desenvolver celulosas especiais, substitutas da fibra longa. Explica que no cuarto trimestre do ano estas supuxeron un 32% das súas vendas fronte ao 24% do ano anterior. No conxunto de 2025 representaron un 30% do volume de negocio, cun incremento de sete puntos. O obxectivo é que estes produtos cheguen a representar máis do 60% das vendas en 2028.
Ao fío, o grupo indica que no último trimestre do ano iniciou a produción “da súa primeira liña de celulosa fluff con capacidade para 125 mil toneladas, converténdose no único produtor desta celulosa con fibra de eucalipto en Europa, competindo no mercado local con produtores de fibra longa. Actualmente a compañía está a traballar en 8 procesos de homologación e espera acadar a produción de 125 mil toneladas en 2028”.
Provisión
Parte das perdas de Ence derivan dunha provisión de 23,9 millóns nas súas contas para afrontar os custos estimados aos que cren que ascenderá o proceso de reestruturación de plantilla posto en marcha en Pontevedra e Navia para “axustar a estrutura organizativa á evolución do negocio e mellorar a eficiencia operativa”. O plan contempla a saída de ata 154 traballadores, a maioría da factoría asturiana, entre principios deste ano e finais de 2027.
“A provisión estimada inclúe indemnizacións por despedimento e plans de prejubilación así como os custos asociados ao proceso de reestruturación”, expón.