Entusiasmo na patronal de Megasa e Celsa polas barreiras ás importacións chinesas de aceiro
Unesid di que valora "moi positivamente" o acordo para o novo entre o Consello da UE e o Parlamento Europeo para protexer o mercado do exceso de capacidade de Asia e augura un "punto de inflexión" no futuro do sector.
Interior da factoría de Megasa en Zaragoza
A UE deu un paso decisivo na protección da industria do aceiro da sobrecapacidade global, que provoca a entrada de produto a baixo prezo no mercado europeo. Ante este escenario, o Consello da UE e o Parlamento alcanzaron un acordo para reducir as cotas de importación nun 47% respecto aos niveis de salvagarda de 2024. Esta medida adoptarase a través dun novo regulamento que podería entrar en vigor en xullo e que endurecería a barreira de protección fronte á capacidade de produción de China.
O plan entusiasma a Unesid, a patronal que engloba ás principais siderúrxicas de España, nun momento de gran preocupación por unha potencial escalada dos custos enerxéticos. Forman parte de Unesid a galega Megasa, ArcelorMittal, Acerinox, Celsa, Sidenor ou Cristian Lay. Nun comunicado, a organización valora “moi positivamente” o acordo político e confía en que será un punto de inflexión para impulsar o futuro do sector. “O novo marco evita un escenario de baleiro na protección comercial, nun momento especialmente delicado para a industria siderúrxica europea, marcado polo aumento das importacións e os desequilibrios no mercado global”, di a entidade.
Unesid recomenda que o mesmo espírito deste acordo se estenda aos sectores augas abaixo que utilizan aceiro, co obxectivo de asegurar a demanda e protexer toda a cadea de valor en Europa, así como ampliar este novo instrumento aos produtos transformados. “A adopción deste novo instrumento permite dar continuidade á protección do mercado europeo nun momento crítico e responde mellor á realidade actual de sobrecapacidade global e presión das importacións”, sinala Carola Hermoso, directora xeral de Unesid.
Os aranceis ao aceiro
O novo regulamento introduce un sistema revisado de contingentes arancelarios (TRQ) para reforzar a protección do mercado europeo. O elemento clave é a reducción do volume de contingentes nun 47% respecto ao acordo de 2024, situando as importacións en 18,3 millóns de toneladas anuais. As importacións fóra de cota sufrirán un incremento do arancel aplicable de ata o 50%.
O regulamento contempla a posibilidade de trasladar cotas non utilizadas dun trimestre a outro durante o primeiro ano de aplicación. Desde a patronal entenden que é un plantexamento “razoadable” e que, na práctica, terá un uso limitado. “Este acordo é unha moi boa noticia e representa un éxito colectivo, tanto para o conxunto do sector como para o traballo que se veu realizando desde hai tempo a nivel europeo e nacional”, engade Hermoso, quen lembra, non obstante, que o avance debe completarse con medidas adicionais para a competitividade da industria. En particular, subliña a importancia de contar con custos enerxéticos competitivos, así como con instrumentos eficaces que garantan un desenvolvemento equilibrado das políticas climáticas.