O alcalde de Ourense, imputado por prevaricación
Pérez Jácome non pediu a compatibilidade para exercer as súas funcións como rexedor ao tempo que as de propietario da súa televisión, Auria TV, e manter así o seu soldo en calidade de dedicación exclusiva.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no pleno. – Agostime – Europa Press – Arquivo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, foi imputado por un delito continuado de prevaricación ao non solicitar a compatibilidade para desempeñar as súas funcións de rexedor ao tempo que as de propietario da súa televisión, Auria TV, e manter así o seu soldo en calidade de dedicación exclusiva.
O xuíz da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense, Leonardo Álvarez, sinala que resulta “evidente” a obriga do rexedor de solicitar a compatibilidade entre o seu cargo de alcalde con dedicación exclusiva e o desenvolvemento da actividade á fronte dunha televisión pública de carácter local, “sen que se admitan interpretacións”. “Gonzalo Pérez Jácome tiña que ter plantexado ante o pleno do Concello de Ourense a cuestión debatida para que o pleno valorase se se lle recoñece ou non a compatibilidade entre o seu cargo desempeñado en forma de dedicación exclusiva e a explotación dunha televisión pública e local”, destacou o maxistrado.
Neste sentido, o titular da sección de Instrución número 1 lembrou que o alcalde cobrou –desde 2020 e ata novembro de 2025 cando se recibiu a certificación xudicial– máis de 400.000 euros pola súa condición de alcalde, recibindo concretamente 69.925,94 en 2020, 70.555,24 euros en 2021, 73.024,70 euros en 2022, 75.215,42 euros en 2023, 77.457,30 euros en 2024 e 66.699,96 euros en 2025.