FCC perde a batalla do lixo de Ourense e deixa a Copasa como favorita nun contrato de 140 millóns
O tribunal de contratos da Xunta rexeita o recurso presentado polo grupo de Carlos Slim e Esther Koplowitz contra a exclusión da súa oferta, co que a alianza entre Copasa e Valtalia mantense coa mellor valoración do concurso de recollida de residuos de Ourense.
Esther Alcocer Koplowitz e Pablo Colio durante a xunta de accionistas de FCC / EP
O maior contrato que licita o Concello de Ourense deu un disgusto a FCC, que quedou fóra do concurso por un erro na presentación da documentación. O grupo que preside Esther Alcocer Koplowitz, e que ten como maior accionista a Carlos Slim, recorreu a exclusión na contratación do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria da cidade, pero o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia rexeitou os seus argumentos nunha resolución do pasado 13 de febreiro. O ditame do tribunal de contratos ten dúas consecuencias: permite reanudar o concurso, co que se procederá á adxudicación dun contrato orzamentado en 147 millóns; e deixa como última vía a FCC para impugnarllo o contencioso administrativo nos xulgados.
Neste escenario, a favorita para facerse co servizo é a alianza formada entre Copasa e Setec, unha filial de Valtalia. A súa oferta foi a mellor valorada pola mesa de contratación, superando a Acciona, Extraco e Valoriza, que tamén competiron no concurso. A proposta da UTE ourensá é de 13,83 millóns por ano, o que suporía uns 138 millóns durante os 10 anos de vixencia do contrato.
Copasa e Setec, cunha rebaixa do 6,15% respecto ao orzamento de licitación, non só presentaron a oferta máis económica, senón que tamén obtiveron a mellor valoración técnica. Acciona, en alianza con Opain, ofreceu 14,3 millóns anuais; e Extraco alcanzou os 14,28 millóns. A que máis preto quedou foi a UTE encabezada por Valoriza, a antiga división de servizos medioambientais que Sacyr vendeu a Morgan Stanley. Xunto a Ingeser e Prodemex ofertou 14,19 millóns, cunha rebaixa do 3,7%, pero aínda lonxe dos números de Copasa e Setec.
FCC prestara o servizo durante os últimos anos, antes da celebración do novo concurso.
A “falta de dilixencia” de FCC
FCC Medio Ambiente foi excluída do procedemento “por non presentar correctamente a totalidade da documentación esixida na licitación”. Aínda que a empresa presentou recurso, alegando que se trataba dun “erro emendable”, o Tacgal sinala na súa resolución que “non se poden obviar” as normas da apertura de ofertas e a configuración básica do proceso. Advirte tamén que o recorrente pretende que a licitación “se adecúe aos seus intereses individuais”, de xeito que poida aportar a totalidade da súa proposta de forma “extemporánea”, ao marxe da normativa e en prexuízo do resto de licitadores. “É dicir, un procedemento de licitación ad hoc, alleo ao establecido na propia Lei de Contratos do Sector Público, e en prexuízo evidente do resto de licitadores, e motivado única e exclusivamente pola súa falta de dilixencia na conformación da súa oferta, incumprindo as regras fixadas con claridade nos prazos”, di o documento.
Engade a resolución que é imposible aceptar o recurso pois levaría a modificar as puntuacións obtidas polo resto de licitadores e porque solicita a anulación de todo o procedemento a causa, unicamente, “da súa incorrecta actuación”.