Finsa crea dúas novas marcas e entra na startup Strong by Form, que produce biocompostos con BMW ou Deutsche Bahn

O maior grupo madeireiro galego por volume de ingresos crea a marca Veta, enfocada á xestión forestal sostible; e Evolta, para a recuperación e transformación de madeira usada.

La finca forestal Panda da Dá, ubicada en As Pontes, es el principal modelo y laboratorio de gestión forestal de Finsa / Finsa

La finca forestal Panda da Dá, ubicada en As Pontes, es el principal modelo y laboratorio de gestión forestal de Finsa / Finsa

A sostibilidade converteuse nun dos motores de innovación empresarial, tanto de maneira directa, perseguindo as melloras que permiten cumprir as esixencias da nova economía ou da financiación verde; como de maneira indirecta, como elemento transversal que debe integrarse en calquera novo proceso ou produto. Ambos conceptos, sostibilidade e innovación, levan operando xa uns anos como eixe de transformación na gran empresa.

A Finsa, o maior grupo madeireiro galego por volume de ingresos, o cambio de paradigma non lle veu de novo, pois as súas operacións e a súa capacidade para diversificar negocio dependen en boa medida dunha xestión forestal sostible e da extensión dos usos da madeira. O proxecto que impulsou xunto a Goiriz en Coirós, Xilonor, é unha mostra diso, con a posta en marcha da primeira planta galega de CLT para a construción con paneis de madeira.

O ano pasado, o grupo con sede en Santiago continuou dando pasos nestes dous ámbitos. Por un lado, creou dúas novas marcas vinculadas ao aproveitamento sostible dos recursos, Veta e Evolta. Por outro, financiou unha startup enfocada no desenvolvemento de biocompostos a base de madeira para estender o seu uso nos sectores da construción e a mobilidade: Strong by Form.

Veta e o subministro en proximidade

Finsa, que pechou o pasado exercicio con un beneficio neto de 119,9 millóns, creou dúas novas marcas vinculadas ao ciclo sostible da madeira. Veta engloba as actividades de xestión forestal e de biomasa, coidado do monte, relación cos propietarios e recollida de materia prima. A compañía explica que “establece convenios con comunidades de montes para apoiar e desenvolver conxuntamente plantacións forestais que permitan fundamentalmente a recuperación, a mellora silvícola e a revalorización dos montes de coníferas”. Veta permite agrupar e visibilizar eses servizos, e, dunha maneira, tamén é unha resposta de Finsa ao regulamento europeo 2023/1115 e as súas esixencias de trazabilidade e dilixencia debida para evitar a deforestación e a degradación forestal.

Cabe lembrar que a compañía conta cunha finca de 410 hectáreas en As Pontes denominada A Panda da Dá, que funciona como modelo de xestión forestal sostible e tamén como un laboratorio para prácticas innovadoras nesta materia. Forma parte dese outra actividade, ás veces máis desapercibida, que está detrás dun dos maiores fabricantes europeos de taboleiro, cunha facturación de 1.208 millóns o pasado curso.

Segundo datos extraídos do seu Estado de Información Non Financeira (EINF), a compañía consumiu 3,2 millóns de toneladas de madeira durante 2024, da que case o 60% contaba con certificación PEFC ou FSC. Finsa, que ten seis plantas en Galicia e outras catro entre Teruel, Francia e Portugal, se abastece en proximidade. O 70% da madeira consumida procedía dun radio inferior a 150 quilómetros.

Evolta e a economía circular

Se Veta está no monte, na materia prima, a outra marca creada por Finsa opera na parte final do ciclo de vida do produto. Evolta engloba os servizos de recuperación e reciclaxe de madeira, que teñen como obxectivo evitar desperdicios e renovar os recursos baixo premisas de economía circular. Baixo o novo distintivo, a compañía ofrece recollida de materiais, embalaxes adaptados e asesoramento en separación e valorización de residuos.

Finsa conta con tres plataformas de acopio para recuperación de madeira, ubicadas en Ovar (Portugal), Morcenx (Francia) e Chinchilla de Montearagón (Albacete). A rede de recuperación compleméntase con 740 contedores propios e colaboracións con xestores intermedios de residuos. Con estes recursos, o ano pasado, de novo segundo datos do EINF, a empresa recuperou 549.059 toneladas de madeira, o que supón un incremento de 45.000 toneladas respecto a 2023.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta