Galaria, a empresa de servizos do Sergas, volta aos números vermellos e duplica as perdas do ano da pandemia.

A empresa pública de servizos sanitarios pechou o 2024 con uns ingresos de 539.000 euros e unhas perdas de 307.952 euros, case o dobre dos 130.134 do 2020.

Exterior del edificio de Galaria

Galaria volve a números vermellos. A empresa pública de servizos sanitarios pechou o 2024 cunha facturación de 539.000 euros, por riba dos 416.257 do ano anterior, e umas perdas que ascenderon aos 307.952 euros fronte ao beneficio de 97.020 euros que colleitou en 2023.

Dende o ano do estalido da pandemia a empresa non volvera pechar o exercicio en negativo. En 2020 as perdas ascenderon a 130.154 euros, case a metade do dato de 2024. Un ano despois Galaria alcanzou un beneficio de 318.209 euros que se vería cortado en máis de 60.000 euros en 2022 cando, ao 31 de decembro, os gaños ascenderon a 254.713 euros.

Os activos de Galaria ascenderon aos 11,54 millóns, un dato moi próximo aos 11,74 do ano anterior, mentres que o patrimonio neto pasou dos 5,54 millóns aos 4,96.

Aumento dos custos e maior actividade

Segundo explican os xestores da compañía na memoria que acompaña ás contas depositadas no Rexistro Mercantil e consultadas por Economía Dixital Galicia “o ano 2024 estivo marcado por fitos significativos, como a posta en marcha do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia e a nova unidade PET no Hospital N.S. de Cristal”.

Nese exercicio tamén se rexistrou “un aumento da demanda asistencial en todas as unidades, o desenvolvemento de proxectos de economía circular e a implementación do plan dotacional de Montecelo”. Todo iso contribuíu a un “aumento dos custos” que, sumado ás “dificultades de financiamento”, representaron “un reto importante”.

Ademais diso, detállase na memoria que “a crecente demanda e a maior produción por parte do Centro de produción de radiofármacos PET, xunto á necesidade de manter os niveis de lista de espera” provocaron, ao igual que en 2023, que se realizase unha maior actividade “por riba da fixada no contrato” asinado entre Galaria e o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

“Isto xerou unha maior necesidade de recursos humanos e materiais que, sumado aos maiores custos dos aprovisionamentos e servizos, provocan unha maior necesidade de financiamento por parte da sociedade. Neste sentido o mantemento do mesmo orzamento que en 2023 (unicamente aumentado polo importe aprobado en concepto de incremento salarial para o persoal) supuxo a necesidade de financiamento adicional”.

Explican os xestores que a segunda adenda ao contrato programa, que se aprobou polo Consello o pasado 27 de decembro, incluía unha partida de 3,65 millóns para esta actividade adicional e 50.000 euros para o proxecto de economía circular. “Non obstante, esta adenda non incorporou toda a financiación solicitada, quedando fóra diferentes proxectos encomendados a Galaria por un importe total de 553.806 euros”.

En concreto, trataríase de parte da financiación dos custos asociados á posta en marcha do centro de fabricación de terapias avanzadas e medicamentos CART-T, unha terapia coa que pretende que, mediante modificación xenética, as propias células dos pacientes sexan capaces de recoñecer características específicas das células canceríxenas para atacalas; a colaboración para por en marcha os centros de protones; e o proxecto X-Dose, que permite medir a radiación dos pacientes sometidos a calquera exploración diagnóstica que emita radiación.

Orzamentos

A sociedade, que conta cunha plantilla de 212 traballadores, constituíuse a mediados de 1994 baixo o nome de Instituto Galego de Medicina Técnica. En decembro de 2008 modificouse a súa denominación a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios. A empresa, que ten ao Sergas como principal cliente, contaba en 2024 cun orzamento de 17,49 millóns.

No mesmo Consello no que se aprobou a adenda de 3,65 millóns para as contas de 2024 deu luz verde á prórroga do contrato programa para o exercicio 2025 cun orzamento de 18,96 millóns.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta