O Goberno, disposto a financiar a Alcoa para os investimentos comprometidos en San Cibrao
A reunión da mesa de seguimento de San Cibrao saldouse co Ministerio de Industria “valorando o compromiso da empresa por manter a actividade” e coa compañía pedindo “un marco estable de prezos eléctricos” ante “as significativas perdas na refinería”.
Alcoa volve abrir a porta á venda do seu negocio en España. Foto: Europa Press
A reunión da chamada mesa de seguimento de Alcoa, na que Goberno, Xunta, empresa e sindicatos analizan o cumprimento dos acordos acadados para garantir a continuidade do complexo de San Cibrao saldouse co Ministerio de Industria indicando que deu 40 millóns de euros ao grupo americano vía PERTE da descarbonización e pon á súa disposición “os instrumentos de financiamento do Fondo de Apoio á Inversión Industrial Productiva (FAIIP)”, sendo o obxectivo destas axudas financiar o novo forno da planta de aluminio primario, comprometida polos americanos desde hai anos co comité de empresa.
Por outra banda, Alcoa indicou ao Goberno que, de cara a garantir a continuidade de San Cibrao “o esencial é obter un marco de prezos estables de electricidade para que o complexo sexa competitivo e estable”, tendo en conta “as significativas perdas financeiras na refinería”.
Alúmina
Precisamente esta mesma semana, Bill Oplinger, o presidente a nivel mundial de Alcoa, asegurou no marco dunha conferencia ante analistas, que a refinería de alúmina de San Cibrao estaba soportando “unha gran presión” debido aos custos da planta e á caída do prezo da alúmina.
En todo caso, o Goberno quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade respecto á situación do complexo industrial da Mariña. Segundo o secretario de estado de Industria, Jordi García Brustenga, durante o encontro revisouse o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos o pasado ano, dentro do memorando de entendemento asinado entre Executivo central, Xunta, Alcoa e o seu socio, Ignis EQT.
Tras o encontro celebrado en A Coruña, Industria quixo destacar “o respaldo público ao complexo industrial” e incidiu nos 40 millóns de euros adxudicados a través do PERTE da Descarbonización Industrial, “ademais da dispoñibilidade dos instrumentos de financiamento como o Fondo de Apoio á Inversión Industrial Productiva (FAIIP)”. “Neste sentido, un dos obxectivos destas axudas sería financiar a construción dun novo forno”, recordou o ministerio.
Mensaxe de tranquilidade do Goberno
O departamento de Industria asegurou que valora “o claro compromiso da empresa para avanzar nun dobre obxectivo estratéxico: manter a actividade integral do complexo e asegurar a súa viabilidade económica a curto, medio e longo prazo. Desde o Ministerio seguiremos apoiando e acompañando este proceso de traballo conxunto con todos os actores implicados”.
“O complexo industrial, que emprega a máis dun milleiro de traballadores directos e representa unha infraestrutura clave para a cadea de valor do aluminio en España, afronta agora unha nova etapa marcada pola recuperación da actividade, aínda que con desafíos pendentes en materia enerxética e inversora”, asegura.
“Con estes avances, o Goberno reforza o seu compromiso coa consolidación dun proxecto industrial estratéxico para Galicia e para o conxunto do tecido produtivo nacional, nun contexto no que a industria do aluminio resulta esencial para sectores clave como a automoción, a transición enerxética e a defensa”, indica.