Greenalia perde na Audiencia Provincial: absolto o empresario ao que pedía cinco anos de cárcere por estafa
Os maxistrados consideran que non houbo un engano á empresa galega, senón unha "patente mala xestión" no desenvolvemento dun contrato para construír 11 plantas fotovoltaicas en Huelva, Badaxoz e Cáceres.

Manuel García Pardo, principal accionista de Greenalia
A Sección Segunda da Audiencia Provincial absolveu aos dous acusados dun presunto delito de estafa no desenvolvemento dun contrato asinado con Greenalia para a posta en marcha de 11 proxectos fotovoltaicos nas provincias de Huelva, Badaxoz e Cáceres. A compañía galega pediu para o administrador de Dayra Energy e para un traballador autónomo contratado por esta para o desenvolvemento dos parques cinco anos de prisión e unha indemnización de 462.000 euros. Non obstante, os maxistrados non cren que haxa probas sólidas dun delito continuado de estafa, senón desavinzas entre o grupo de Manuel García Pardo e o seu socio, ademais dunha mala xestión dos proxectos por parte de Dayra.
“A proba practicada non establece a existencia dese engano inicial ou posterior que é requisito para a existencia do delito de estafa, senón a existencia de unhas desavinzas mercantís traídas ao ámbito penal e unha patente mala xestión dos negocios. Esta Sala non pode nin debe entrar a valorar a problemática mercantil existente entre as partes, pero si a posible existencia dese engano elemento tipo do delito, que entende que non existe”, di a sentenza, emitida o pasado maio.
A Fiscalía, ao igual que agora a Audiencia Provincial, non realizou escrito acusatorio ao non apreciar a comisión de delito algún por parte dos acusados.
Un pago de 300.000 euros
A relación entre Greenalia e Dayra comeza en 2018 coa sinatura de tres contratos para o desenvolvemento e legalización dos proxectos fotovoltaicos La Romana, Maestre, Velverde, El Gordo, Los Manantiales, Almendral I, Almendral II, Trujillo I, Trujillo II, Chaparral e Barreiros. Dayra, empresa manchega creada en 2017, encargaríase en virtude de dito contrario de prestar unha serie de servizos a Greenalia Solar Power, como a busca de terreos para subscribir futuros contratos de arrendamento, a presentación de solicitudes de puntos de conexión ás compañías eléctricas ou a presentación de avais esixidos para a tramitación do acceso á rede. Para iso contratou a un traballador autónomo, que acabou tamén no banco dos acusados, e que debía encargarse da redacción e supervisión dos proxectos.
O grupo galego realizou un pago inicial de 312.260 euros polos primeiros pasos do contrato, ao formalizarse algúns compromisos de arrendamento de terreos, así como a creación das sociedades instrumentais para os parques e a presentación dos avais e das solicitudes de permisos de conexión a 11 subestacións eléctricas. Non obstante, en 2019, acabaría rescindindo o contrato e pedindo a Dayra a devolución do diñeiro.