Actualizado
Inditex logra 390 millóns de beneficio no seu novo grupo de Emiratos Árabes, o mesmo que en EE UU
A multinacional de Amancio Ortega rexistra unhas ganancias de 396 millóns antes de impostos no seu novo hub loxístico de Emiratos Árabes, maís os beneficios retroceden en grandes mercados como Francia, Italia, Estados Unidos ou México
Beneficios antes de impuestos de Inditex por mercados, según los datos recogidos en su memoria anual / EDG / Pablo Ares
Inditex reparte máis do 60% dos beneficios que xerou no seu último exercicio, cando superou por primeira vez os 6.000 millóns en ganancias, en cinco territorios. O principal é España, onde están a sede, a gran maioría de plataformas loxísticas, e 1.025 tendas do grupo que preside Marta Ortega. Inditex conseguiu unhas vendas de 6.338 millóns no mercado doméstico, un 9% máis, o que representa un 15,9% da facturación global, 39.864 millóns.
Segundo o Estado de Información Non Financeira da compañía, feito público este xoves, os beneficios antes de impostos en España ascenderon a 2.990 millóns, un avance do 42% respecto a 2024. Estas ganancias non reflicten unicamente o rendemento das tendas da multinacional de Amancio Ortega no seu principal mercado, senón tamén o efecto sede a nivel loxístico, pois España é o principal centro de distribución da roupa das cadeas, e a nivel societario, pois é onde está a matriz do grupo.

A arquitectura societaria de Inditex ten outros nodos relevantes en Suiza, Países Baixos, Estados Unidos e Emiratos Árabes. Nestes catro países e España concentrou o 64% dos beneficios antes de impostos do exercicio.
O novo ‘hub’ de Emiratos Árabes
Emiratos Árabes aparece por primeira vez como unha das grandes prazas na distribución das gañas obtidas por Inditex. Segundo explican fontes do grupo, “converteuse nun hub loxístico relevante para o grupo nos últimos anos”. “O volume de impostos pagados nese mercado, cunha taxa fiscal do 15%, corresponde co volume crecente de actividade que está asumindo este hub loxístico e de transporte nas nosas operacións globais”, engaden.
Os beneficios antes de impostos pasaron de cero en 2024 a 396 millóns en 2025, coincidindo coa constitución de dúas filiais en Dubai, Emea Aspire Trading Fze e Nexfashion International Trading Fze, que operan, segundo a memoria anual, como centrais de compras de roupa e calzado. O volume de beneficios xerado neste territorio é o mesmo que en Estados Unidos, o que viña sendo nos últimos anos, segundo o conselleiro delegado, Óscar García Maceiras, o primeiro mercado internacional da compañía. No país de Donald Trump, Inditex rexistrou un BAI de 396 millóns, fronte aos 415 millóns de 2024.
Nin a animosidade bélica de Trump nin a ameaza dos aranceis cambiaron a folla de ruta da multinacional galega en territorio norteamericano. García Maceiras dixo que prevían pechar o novo curso con 110 establecementos en Estados Unidos, co desembarco de Bershka e novas aperturas de Massimo Dutti. “Seguimos apostando por un crecemento selectivo nun mercado tan relevante, coa combinación de todo ese esforzo entre tendas físicas e online”, asegurou o CEO na presentación de resultados.