Leite Celta recorta vendas e beneficios no ano da súa alianza con Clun
O grupo con planta en Pontedeume pecha o pasado exercicio con 7,2 millóns de beneficios, por debaixo dos 8,8 millóns de 2024, e cun volume de negocio de 294 millóns, un 2% menos.
Javier Bretón, director xeral de Leite Celta, cunha planta do grupo ao fondo
A finais do ano pasado, Clun e Leite Celta axitaron o lácteo galego selando unha alianza entre dous dos grandes operadores do sector, pois conxuntamente alcanzan unha cifra de negocio de preto de 600 millóns e representan máis do 10% da recollida na comunidade con máis produción do Estado. O pacto, que se materializará coa creación de CoRural, Corporación Rural Láctea, unha nova entidade que terá sede en Santiago, chegou nun ano á baixa de Celta, con descensos nos ingresos e os beneficios, aínda que tamén nun exercicio sólido, en liña cos bos resultados acadados en 2024.
O grupo que dirixe Javier Bretón e que controla a portuguesa Lactogal rematou o 2025 cunha cifra de negocio de 294,7 millóns, lixeiramente por debaixo dos 300,5 millóns do ano anterior. Os beneficios da compañía con plantas en Pontedeume, Ávila e Meruelo (Cantabria) situáronse nos 7,2 millóns, segundo acaba de facer público no seu Estado de Información Non Financeira. Os beneficios retroceden respecto aos 8,8 millóns de 2024, pero aquel curso deu un salto xigantesco nos seus resultados, duplicando os beneficios de 3,4 millóns rexistrados en 2023.
Neste senso, Celta consolida a recuperación desde o Covid, cando encadrou dous exercicios de perdas, e obtén o seu segundo mellor resultado nos últimos cinco anos, superando o ciclo inflacionista e un contexto complexo para a industria, co auxe da marca branca e excedentes de leite nos mercados europeos presionando os prezos.
O cadro de persoal do grupo estaba formado ao peche do exercicio por 411 traballadores, 26 máis que os 385 do peche de 2024.
De Iberleche a CoRural
O negocio do grupo estrutúrase a través de tres sociedades: Leite Celta, Lácteos de Santander e Iberleche, a encargada da distribución de leite para marca branca. Nesta empresa estiveron inicialmente outros dous socios, Capsa e Clun, que acabaron por abandonar a alianza. Capsa é o brazo industrial de Central Lechera Asturiana, o segundo grupo con maior volume de recollida en Galicia despois de Lactalis e a empresa que controla a planta de Larsa en Outeiro de Rei. Desde alí comezou a envasar en 2024 para Hacendado, a marca branca de Mercadona.