Luz verde ambiental ao parque eólico de 19 megavatios de Inditex no porto exterior da Coruña
A Xunta conclúe que o proxecto, con tres aeroxeradores, é viable desde o punto de vista ambiental sempre que se cumpran determinadas medidas correctoras e de adecuación paisaxística.
O Porto Exterior da Coruña prepárase para converterse nun hub vinculado á industria da enerxía verde e a eólica mariña.
‘Si’ condicionado a un dos grandes proxectos ambientais de Inditex. A Xunta formulou a declaración de impacto ambiental do proxecto parque eólico denominado Porto exterior da Coruña, no Concello de Arteixo, que promove Inditex Renovables. E conclúe que o proxecto é “ambientalmente viable” sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental que figuran ao longo de dita declaración.
A Consellería de Medio Ambiente publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio do 5 de decembro polo que se fai público o documento. No documento, a Xunta explica que o proxecto consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 19,8 megavatios de potencia total (limitada a 18 MW) en Arteixo constituído por tres aeroxeneradores de 6,6 megavatios potencia nominal unitaria (limitada a 6 MW) e a súa infraestrutura asociada, a liña de evacuación soterrada a 20 kilovoltios e 1.298 metros de lonxitude total e a ampliación da subestación ‘SET’ Inditex 132/20 kV.

Medidas correctoras
Entre outras medidas, a declaración indica que se adoptarán as que “maximicen” a integración paisaxística. No caso da subestación transformadora/edificio de control, apunta que se empregarán materiais, texturas e cores que harmonicen co entorno.
Así mesmo, nos traballos de execución e acondicionamento dos camiños do parque “minimizaranse” os movementos de terras e coidarase que o firme contraste o menos posible co entorno.
Tamén co fin de “garantir unha adecuada integración paisaxística, terase especial coidado na aplicación das medidas protectoras, correctoras e de restauración e integración paisaxística que figuran no estudo de impacto e integración paisaxística”.