Mestrelab supera os 50 empregos en Santiago coa súa aposta pola Intelixencia Artificial
O Centro de Investigación Mestrelab (CIM) atraeu a 56 científicos e nove empresas especializadas nas súas instalacións de Santiago de Compostela e colabora con Lonza, Datalife, a Aesia ou Gradiant.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a visita ao CIM de Mestrelab
O Centro de Investigación Mestrelab (CIM) suma e segue. As súas instalacións en Santiago de Compostela lograron atraer a 56 científicos desde a súa inauguración en 2024 tras crear 27 empregos e acoller a nove empresas especializadas, nas que traballan a diario 29 científicos.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausurou este mércores a xornada de presentación destes primeiros resultados na capital galega, onde destacou “a capacidade deste centro para atraer investigadores que traballen desde Galicia e contribúan a reforzar a aposta da Xunta pola I+G+i”.
Neste sentido, o representante da Xunta puxo en valor o papel do propio CIM como “centro de excelencia”, trátase dun centro cuxas principais liñas de investigación son a intelixencia artificial aplicada ás investigacións en bioloxía estrutural, a sustentabilidade e circularidade e novas actividades de investigación na xestión e procesado de datos en espectrometría de masas exacta.
Entre os logros alcanzados ano e medio despois da súa inauguración, a Xunta destacou o establecemento de colaboracións internacionais co grupo Lonza e co ecosistema científico e académico galego como os centros universitarios da Rede CIGUS, o hub Datalife ou a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) e a integración en organismos como Gradiant ou o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga).