Actualizado
Monbus perde a súa guerra xudicial contra Volvo, á que acusa de venderlle autobuses defectuosos
A Audiencia Provincial desestima a reclamación de máis dun millón de euros de Monbus, que alega que Volvo ocultou o mal estado dos vehículos, e que a operación se deseñou para sortear a política de 'compliance' do fabricante cando Raúl López foi imputado
Autobús da compañía Monbus / Monbus
Monbus libra desde hai uns anos unha batalla legal contra un dos fabricantes dos autobuses que circulan polas estradas españolas e cos que se converteu na principal compañía galega do sector. O grupo de Raúl López, agora inmerso na loita polas concesións do bus escolar en Galicia, demandou a Volvo por entregarlle cinco autobuses en mal estado a través dunha operación de leasing. Cando menos, iso alegou a compañía, xa que os tribunais, polo momento, non lle dan a razón. A Audiencia Provincial de Madrid, de feito, acaba de desestimar un recurso presentado por dúas filiais do grupo, Castromil e Empresa Monforte, e ratificou a sentenza do xulgado de instancia, que tamén rexeitou en 2023 os argumentos do operador galego.
A demanda contra a compañía sueca, un dos maiores fabricantes automovilísticos europeos con máis de 45.000 millóns de facturación o ano pasado, ten as súas raíces dez anos atrás, cando Castromil e Monforte acordaron a adquisición de cinco vehículos híbridos, dous a primeira e tres a segunda, mediante unha operación de arrendamento financeiro con Abanca, á que abona as cotas correspondentes polo uso dos autobuses. Pero estes, di Monbus, non deron máis que problemas. Segundo a compañía, nunca chegaron a prestar servizo de maneira correcta, o que non é de estrañar segundo o informe pericial presentado e que dá conta do mal estado dos vehículos, algo que Volvo tería ocultado durante as negociacións.
Raúl López e a ‘compliance’ de Volvo
O caso, ata aquí, non reviste maior complexidade, pero aquel 2015 foi de todo menos sinxelo para Monbus. O dono, Raúl López, foi detido ese curso por orde da xuíza Pilar de Lara e quedou en liberdade baixo fianza con imputacións de branqueo de capitais, delito contra a facenda pública e cohecho. A espiñenta situación xudicial do empresario condicionou a adquisición dos autobuses a Volvo ata convertila nunha operación das máis enredadas.