Multa de 90.000 euros a Terras Gauda por usar un produto non permitido na denominación de orixe Rías Baixas.

O tribunal de xustiza de Galicia confirma a sanción posta pola Xunta polo uso de mosto concentrado rectificado, que aumentaría a graduación.

Viñedo de Terras Gauda

Viñedo de Terras Gauda en O Rosal

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sanción de 90.000 euros que a Xunta lle impuxo en 2024 a Adegas Terras Gauda por utilizar “produtos non permitidos, en contra das normas da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas”.

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo considera acreditado que a empresa usou unha sustancia non autorizada na elaboración dos viños.

A Sala subliña na sentenza que, tras analizar os resultados e o resto de informes analíticos do expediente, constata “a presenza de mosto concentrado rectificado nos depósitos de polietileno situados nas instalacións da adega”. A iso, engade que non se trata de abono orgánico rectificado, como consta na súa etiqueta.

Recurso desestimado

“Non se ofreceu xustificación algunha á existencia do mosto concentrado rectificado, polo que debe considerarse que a única finalidade é o aumento do grao de alcol dos seus viños“, asegurou o alto tribunal galego.

Por iso, desestimou o recurso interposto por Adegas Terras Gauda contra a resolución do Executivo galego na que lle impuxo unha sanción de 90.000 euros como responsable da comisión de tres infraccións administrativas de 30.000 euros cada unha delas.

En contra das alegacións da parte demandante, os maxistrados explican na sentenza que “nin se trata de viños novos, nin dunha adega que elabore algún tipo de bebida na que deba utilizarse o mosto concentrado, sen que haxa constancia de que estea autorizada para iso”.

Ademais, indica que “ómese nos libros de rexistros da adega a entrada do mosto concentrado rectificado, identificado nos contedores de poliéster branco que figuran nas fotografías, coas etiquetas adhesivas parcialmente deterioradas”.

Os xuíces tamén rexeitan a solicitude de Adegas Terras Gauda de que se lle impoña unicamente a sanción correspondente á infracción máis grave cometida.

Na sentenza explican que iso non é posible, pois “non se aprecia que unhas infraccións deriven doutras”, senón que se trata de “tres infraccións independentes, que se poden sancionar por si soas”.

Denominación de Orixe

O TSXG considera que a Xunta motivou a sanción de 30.000 euros imposta por cada unha das infraccións, ao ter en conta “a intencionalidade, a reiteración, o volume de vendas e a posición da empresa infractora no sector vitivinícola e o volume e valor das mercadorías ou produtos afectados pola infracción”.

Na sentenza, a Sala fai “mención especial” ao volume do mosto concentrado rectificado adquirido pola adega, que foi de 67.000 quilogramos, investindo un total de 334.120,59 euros na súa adquisición.

“En conclusión, trátase dunha conduta intencional de tenencia nas súas instalacións, almacenado, un produto non autorizado; de realización de prácticas enolóxicas prohibidas, non rexistrando a tenencia do citado produto nin as prácticas enolóxicas realizadas; e sendo coñecedora, atendida a súa pertenza a unha Denominación de Orixe, do carácter prohibido das condutas”, recalca o TSXG.

Terras Gauda presentará recurso ante o Tribunal Supremo


Nun comunicado enviado aos medios de comunicación o mércores pola tarde, Bodegas Terras Gauda anunciou a súa intención de presentar un recurso contra a sentenza ante o Tribunal Supremo. «Bodegas Terras Gauda respecta a decisión do TSXG, pero non estamos de acordo coa súa resolución. Tras unha análise exhaustiva co noso equipo xurídico, recorrerémola por considerala inxusta, desproporcionada e incompatible coa lei, e confiamos plenamente nunha resolución satisfactoria», afirmaron.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta