O eucalipto segue a súa expansión en Galicia e crece máis que os piñeiros e frondosas durante a moratoria.
Os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia mostran que a superficie de eucalipto no monte galego incrementouse en 25.000 hectáreas entre 2022 e 2024 a pesar do veto da Xunta; as coníferas expándense de forma moito máis moderada e as frondosas retroceden.
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, durante a presentación dos últimos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia.
A superficie de eucalipto no monte galego creceu ata as 438.156 hectáreas en 2024, o que supón un incremento do 4,6% respecto aos datos de peche de 2023 e de 25.000 hectáreas se se compara cos de 2022. En plena moratoria da Xunta, o eucalipto continuou expandíndose en Galicia, e moi por riba de coníferas e frondosas. Así o recolle o Inventario Forestal Continuo de Galicia, cuxa última actualización foi presentada este xoves nun ambiente de certa tensión no sector pola flexibilización que acaba de introducir o Goberno galego na moratoria, xunto a outros factores como a situación do piñeiro e os aserradoiros ou a última vaga de incendios, a maior do século na comunidade.
O Inventario Forestal Continuo foi unha das ferramentas que impulsou a Xunta tras os mortais incendios de 2017 en colaboración coa Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago. O último mapeado mostra un avance do 4,6% na superficie de eucalipto fronte ao 0,1% das coníferas e do 0,3% das frondosas. Todas soben, o que mostra unha maior superficie forestal no conxunto da comunidade, aínda que o fan a distinto ritmo e cunha clara tendencia en canto a especies.
Juan Picos, da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo e un dos responsables técnicos do Inventario Forestal, explicou que a expansión do eucalipto non se debe necesariamente a que se plantase durante a prohibición, ou cando menos, os datos non desvelan iso. O ciclo de crecemento pode facer que o incremento se deba a un pico de plantacións antes da moratoria, segundo apuntou. O único que fai o Inventario Forestal é “detectar” unha maior superficie de eucalipto.
En termos absolutos, as 438.156 hectáreas están preto das 446.897 hectáreas de coníferas detectadas no monte galego. As frondosas alcanzan as 631.000 (sen contar eucalipto), aínda que a súa superficie reduciuse desde 2022, cando eran 634.000 hectáreas.