O gran provedor de leite de Mercadona e Innogando desvelan o día a día do porco de bellota
A startup galega e Covap, propietario de Naturleite, ensaian con éxito uns novos dispositivos de monitorización intelixente de porcos en liberdade, que se converten no primeiro sistema específico para o sector porcino ibérico.
Covap e Innogando desenvolven un sistema pioneiro de monitorización intelixente en liberdade durante a montanera
Covap, o gran provedor de leite de Mercadona para a marca de distribución Hacendado, e a galega Innogando completaron con éxito a proba piloto dun pioneiro sistema de monitorización intelixente de porcos en liberdade. O grupo andaluz, propietario da empresa galega Naturleite e da antiga Cereales Rego, presentou os resultados do proxecto tras poñelo a proba na montanera 2025-2026, onde equiparon unha piara de 16 porcos de raza 100% ibérica cos novos dispositivos.
A cooperativa cordobesa sinala nun comunicado que o despregamento realizouse con éxito, obtendo un volume de datos de altísimo valor para o sector gandeiro. Para garantir a precisión, os algoritmos de Intelixencia Artificial foron validados polo Centro Tecnolóxico de Innovación e Investigación Agroalimentaria (CICAP). “Tras un exhaustivo período de observación sobre o terreo, certificouse unha precisión do 94% na interpretación do comportamento e a actividade do animal”, sinala Covap.
O sistema desenvolveuse en colaboración coa startup galega Innogando, na que entrou o provedor de Mercadona no ano 2024 e na que participa tamén a farmacéutica galega Zendal, que ten unha importante división de saúde animal. O proxecto nace no marco de GEN, o programa de Innovación Aberta de Covap, no que Innogando quedou finalista e obtivo a confianza do grupo andaluz.

Elio López e Daniel Pardo, cofundadores de Innogando, xunto ao director xeral de Covap, Antonio Carmona
O día a día do porco ibérico de bellota
Segundo Covap, os datos obtidos revelan información sen precedentes sobre o ciclo biolóxico do porco ibérico de bellota nas 24 horas. Os parámetros monitorizados indican 14 horas de descanso diario, un período clave para a asimilación de nutrientes; oito horas de actividade de belloteo e dúas horas de curiosidade e exploración do entorno, que é un indicador de benestar e intelixencia animal. “Estes datos demostran que o comportamento por parte dos animais é dunha perfecta adaptación ao medio no que viven, a Devesa, optimizando ao máximo os recursos que esta lles proporciona”, destaca a cooperativa.
En termos de esforzo físico, a piara piloto percorreu máis de 10.000 quilómetros en 69 días, realizando cada animal unha media de entre 8 e 10 quilómetros diarios. Estes datos non só desmitifican crenzas sobre o sedentarismo destes animais, senón que, ademais, demostran que grazas a este exercicio aeróbico que realizan os porcos o índice de conversión de engorde é moi óptimo e que favorece a infiltración de graxa intramuscular que caracteriza ao ibérico de bellota e que dá o brillo e cor avermellado propio do Xamón de Bellota.
Beneficios do novo sistema
Covap defende que a tecnoloxía desenvolvida beneficia a todos os elos da cadea do ibérico. O consumidor accede a trazabilidade real mediante mapas de calor que certifican a montanera. O gandeiro dispón dunha ferramenta dixital que facilita o relevo xeracional e optimiza o uso da devesa. Os servizos técnicos da empresa obteñen datos precisos para un asesoramento personalizado. E o animal benefíciase dun manexo adaptado ás súas necesidades reais, mellorando o seu benestar.
“Con este proxecto, Covap reafirma a súa posición non só como gardián histórico do Porco Ibérico de Bellota, senón como pioneiro indiscutible en innovación AgriTech”, destaca Emilio de León, director de Producións Gandeiras da Cooperativa. “A alianza estratéxica con Innogando foi fundamental. A súa capacidade para desenvolver hardware de precisión e algoritmos adaptados ás esixencias extremas da devesa transformou a visión do proxecto GEN nunha realidade tangible”, concluíu de León.