Orange desenvolverá na Cidade das TIC na Coruña unha plataforma de IA para empresas
A teleco propietaria da galega R recibe unha subvención de 1,3 millóns do Igape para impulsar IA4B, un espazo de intelixencia artificial para axudar a pemes de todo o Estado.
O director xeral de R, Alfredo Ramos, presenta na Cidade das TIC, na Coruña, a nova plataforma de Orange de IA para empresas. Foto: R
A Cidade das TIC da Coruña será o espazo no que Orange, a teleco propietaria da galega R, desenvolverá o proxecto IA4B, unha plataforma de intelixencia artificial pensada para facilitar o acceso da IA ás pemes da comunidade e do resto do Estado.
Orange resultou adxudicataria dunha subvención de máis de 1,3 millóns de euros por parte do Igape para desenvolver esta plataforma no marco do Programa de Infraestruturas Estratéxicas Abertas, que busca favorecer a creación de cadeas de valor e conectar empresas tractoras con outras de menor tamaño que se poidan beneficiar “de recursos de alto valor engadido”.
As fases do proxecto
Segundo indica a empresa, o obxectivo da plataforma de IA “é levar a intelixencia artificial a pequenas e medianas empresas para democratizar o uso e os beneficios da IA e mellorar a competitividade e produtividade dos negocios con referentes da soberanía e control de datos e a aplicación da lexislación europea” no contexto desta nova tecnoloxía. Ademais, esta infraestrutura dentro da Cidade das TIC usará enerxía renovable, “o que reforza o enfoque de eficiencia e cumprimento ambiental para responder tamén aos fundamentos de enerxía e sustentabilidade”.
A inxección do Igape permitirá que o proxecto se desenvolva rapidamente. En breve iniciarase a fase de execución das obras ligadas á plataforma co acondicionamento de espazos, a instalación dos equipos necesarios e o despregamento da “preprodución da plataforma”.
Máis de cen casos de uso
Orange explica que a iniciativa arrinca “con máis de 100 casos de uso listos para adaptar nos sectores da agricultura, a industria, a cultura e os servizos”, unha cantidade que está previsto multiplicar significativamente ata acadar os mil casos en cinco anos.

A iniciativa conta co respaldo da maioría das asociacións galegas dedicadas ao sector TIC e á innovación tecnolóxica no ámbito empresarial. Ao longo de 2026 está previsto que comece o desenvolvemento comercial e os primeiros pilotos da plataforma IA4B, “con pemes que entrarán xa en experiencias de valor xunto a clústers e centros de innovación dixital”. “O obxectivo destes traballos iniciais será medir o aforro de tempo, mellorar a calidade dos procesos e calibrar o impacto en vendas”.
Un proxecto que pode chegar aos 70 millóns
Será a comezos de 2027 cando se prevé “a dispoñibilidade xeral da plataforma para clientes a escala nacional, cun catálogo completo de casos de uso e servizos de soporte”.
A inversión inicial do proxecto supera os tres millóns de euros pero “está prevista unha mobilización de fondos adicionais ao longo dos próximos 10 anos para persoal e servizos, co que o orzamento total podería acadar os 70 millóns na próxima década”.
Alfredo Ramos, o director xeral de R, indicou na presentación da plataforma que “IA4B é unha oportunidade real para as pemes porque automatiza tarefas esenciais, protexe os datos dentro da normativa europea e lles permite arrancar rápido cun catálogo listo para usar e escalar segundo o negocio”. “Este ano activaremos a actividade comercial inicial e os primeiros pilotos xunto a hubs e clústers, medindo o valor tangible que xera a plataforma, e farémolo desde A Coruña para toda España”, expuxo.