Plexus ameaza o trono tecnolóxico de Altia tras disparar un 28% os seus ingresos e superala en beneficios.
A compañía fundada por Antonio Agrasar alcanza os 237,5 millóns de ingresos en 2024, case o dobre que hai dous anos, e obtén 17,5 millóns de beneficio, máis que os 15,4 millóns que gañou Altia, a maior consultora tecnolóxica galega, no mesmo exercicio.

Plexus, a tecnolóxica galega liderada por Antonio Agrasar, está marcando un alto ritmo de crecemento, que a levou a case duplicar os seus ingresos en dous exercicios. Se en 2023 contou co respaldo de dúas adquisicións, Brucke Asesores e Envoltia, en 2024 medrou a pulso, sen compras, e conseguiu un avance do 28% na súa cifra de negocio. A compañía, que desde 2023 consolida as súas cifras na sociedade Tecnoloxías Plexus e Sociedades Dependentes, alcanzou unha facturación de 237,5 millóns, fronte aos 185,3 do curso anterior, cando xa tiña aumentado un 49%. O acumulado dos dous anos debuxa un incremento do 92% dos ingresos.
Este ritmo supera amplamente a evolución do propio sector dos servizos TIC en España, un negocio de uns 23.000 millóns que creceu sen freo na última década e que avanzou máis dun 38% entre 2022 e 2024, segundo datos de AEC e Solventis CIB. Ademais, permite a Plexus situarse moi preto de Altia, líder galego en consultoría tecnolóxica. O grupo de Tino Fernández, participado por Josefa Ortega, a irmá do fundador de Inditex, rematou o pasado exercicio cunha cifra de negocio de 255,6 millóns, un aumento do 6%.
Facturación global de Plexus segundo o seu Estado de Información Non Financeira
De compra en compra
Todo indica que ambas, Plexus e Altia, continuarán a senda alcista a pesar de operar nun sector extremadamente competitivo e con elevados gastos de persoal. A Autoridade da Concorrência de Portugal deu o visto bo o pasado mércores, 10 de setembro, á adquisición de BI4all por parte de Plexus, de maneira que a tecnolóxica galega absorbe uns 25 millóns de negocio (con datos de 2023) e 370 traballadores que a axudarán a perseverar na dieta de engorde. Non lle parecerá mal a Portobello, que en 2024 tomou preto dun 20% do capital do grupo.
Na caso da compañía de Tino Fernández, expresidente do Deportivo, adquiriu recentemente o negocio de datos e intelixencia artificial de Grupo Verne e a consultora catalá IN2 a finais de 2024. Altia cotiza no BME Growth e ten a dous grandes accionistas ademais do presidente: Josefa Ortega, co 5,66% do capital; e o millonario de orixe indio Ram Bhavnani, co 6,65% das accións. Antes destas operacións, a tecnolóxica coruñesa xa integrara a Noesis, Wairbut ou Bilbomática.
A traxectoria das tecnolóxicas galegas mostra que o crecemento inorgánico está sendo unha das súas principais alavancas para gañar tamaño, diversificar áreas de negocio e captar profesionais, e que a fórmula está servindo para despertar o interese de investidores que as capitalicen.
A rendibilidade de Plexus
Plexus rematou o seu último exercicio cun resultado de explotación de 22,8 millóns, por encima dos 15,6 millóns de 2023; e os beneficios do ano eleváronse a 17,5 millóns, un 44% máis. Mellora a Altia tanto no resultado absoluto, con ganancias de 15,44 millóns para a compañía de Tino Fernández, como na progresión, posto que o avance nos beneficios do grupo herculino foi do 0,5%, mentres que o ebitda encolléu un 0,7%, ata os 25 millóns.
O resultado final do grupo que dirixe Antonio Agrasar vese favorecido por un mellor resultado financeiro, que apenas erosiona os beneficios operativos. De feito, o BAI (22,8 millóns) é prácticamente igual ao resultado de explotación. Iso si, no pasado exercicio a débeda financeira case se duplicou, pasando dos 21 millóns a 41,2 millóns. Destes, 12,7 millóns correspondían a débedas con entidades de crédito e 28,5 millóns a derivados e outros instrumentos de crédito.