Portobello negocia a compra da galega Martínez Otero, fabricante de mobles de Inditex, Bimba y Lola e Loewe

A compañía con domicilio social en A Estrada (Pontevedra), que tamén ten como clientes a Nespresso, Adidas, Suárez ou o grupo Puig, pechou o 2024 cunha facturación de case 89 millóns.

Exterior sede Martínez Otero

Exterior sede Martínez Otero. Martínez Otero

A xestora de capital risco Portobello ultima a compra da empresa pontevedresa Martínez Otero, especializada en deseño, fabricación e instalación de mobiliario e solucións de interiorismo que conta como clientes, entre outros, a Inditex, Carolina Herrera, Bimba y Lola ou Loewe.

Segundo avanza Cinco Días, o obxectivo da xestora con esta operación –valorada en arredor de 50 millóns de euros– sería crear unha plataforma para medrar no sector do mobiliario de alta gama, no caso de que as negociacións chegasen a bo termo.

Martínez Otero pechou o 2024 cunha facturación de case 89 millóns e un cadro de persoal de 450 traballadores. A compañía ten presenza en todo o mundo con filiais en Marrocos, Estados Unidos, Emiratos Árabes, Reino Unido e República Dominicana.

Os orixes da compañía remontan ao 1942 cando María Martínez Otero funda un obradoiro de ebanistería de alta calidade. O gran salto da firma daríase na década dos 90 cando selou unha alianza con Inditex e pasou a encargarse do deseño das tendas das súas marcas.

O negocio de Martínez Otero

Ademais de Zara e o resto de marcas da multinacional de Marta Ortega, Martínez Otero conta na súa carteira de clientes con outras firmas importantes como Loewe, Nespresso, Adidas, Suárez ou o grupo Puig.

“En Martínez Otero, convertimos as ideas dos arquitectos e interioristas en proxectos reais. Xestionamos todo o proceso, dando un servizo global: análise técnica do proxecto, fabricación e instalación de mobiliario en calquera parte do mundo e realización do proxecto chave en man, tanto para hoteis, restaurantes, tendas e edificios corporativos ou institucionais, a nivel integral”, explican na súa páxina web.

Tal e como avanza Cinco Días, a partir de 2010 a empresa impulsou a súa división internacional de hoteis e creou o servizo “chave en man para tendas con implantación en Francia, Reino Unido e Alemaña”. Nos últimos 15 anos a firma constituíu filiais específicas e expandiu a súa capacidade produtiva co apoio de organismos como a Compañía Española de Financiación del Desarrollo (Cofides), ou do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Ademais do deseño de tendas de marcas e hoteis, Martínez Otero conta cunha forte presenza no negocio da restauración con establecementos en cidades como Madrid, Barcelona, Ronda, Ámsterdam, París ou Edimburgo.

A iso habería que sumar tamén os proxectos especializados no equipamento de interiores para cruceiros e iates. “Non só fabricamos e instalamos todo o equipamento para interiores en contornos mariños de alta calidade, senón que tamén combinamos produtos certificados con proxectos personalizados”, sinalan na súa web.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp