Portobello ultima a venda da galega Sidecu, propietaria dos ximnasios Supera, tras refinanciar a súa débeda
Ancala Partners, que opera os helicópteros de salvamento marítimo da Xunta, negocia a adquisición do grupo coruñés, que controla 50 centros deportivos e a cadea de ximnasios Supera.
Imaxe de arquivo dun centro deportivo de Sidecu.
Portobello Capital move ficha para desprenderse dunha das súas últimas apostas en Galicia. A xestora de fondos negocia a venda do grupo coruñés Sidecu, matriz da cadea de ximnasios Supera, ao fondo de infraestruturas británico Ancala Partners.
Segundo o diario Expansión, as negociacións entre ambas partes atópanse avanzadas e supoñerían un xiro no accionariado de Sidecu case unha década despois. E é que Portobello controla desde o ano 2017 o 58% da compañía que capitanea Guillermo Druet, que opera arredor de 50 centros deportivos en España e Portugal, con instalacións como o Campo Municipal de Golf Torre de Hércules como un dos seus buques insignia.
Os números de Sidecu
Ancala Partners está a levar a cabo unha due diligence de Sidecu antes de presentar unha oferta formal, que se estima que podería situarse no entorno dos 300 millóns de euros. Sidecu vén de pechar o seu exercicio fiscal 2025 con unhas perdas por valor de 2,7 millóns de euros, que elevan o seu saldo negativo nos últimos cinco anos por encima dos 21 millóns.
A firma anotouse uns novos números vermellos a pesar de elevar a súa facturación un 7,6%, ata situala nos 58,55 millóns de euros, mentres que a súa débeda financeira neta ronda os 86 millóns. O grupo refinanciou de maneira integral toda a súa débeda o pasado mes de marzo nunha operación na que Arcano actuou como asesor financeiro e con Allianz Global Investors como financiador institucional.
No caso de que as negociacións cheguen a bo termo, Portobello Capital selaría a súa terceira gran venda en Galicia. A primeira foi a pesqueira Iberconsa, da que era accionista maioritaria desde 2015 pero que foi adquirida pola estadounidense Platinum Equity en marzo de 2019. A comezos de 2023 foi o turno de Trison, o provedor de solucións de marketing sensorial de Inditex.
Portobello Capital desembarcou no seu accionariado en 2016 e sete anos máis tarde acordaría a venda da súa participación próxima ao 70% a L-GAM, unha firma de investimento con vínculos coa familia real de Liechtenstein. No caso de vender Sidecu, Portobello Capital quedaríase co 20% de Plexus Tech como última inversión en Galicia.
Tras esta operación, Sidecu quedou durante varios meses como a única aposta de Portobello Capital en Galicia. Pero en febreiro de 2024 a firma anunciaría a súa nova inversión na comunidade: Plexus Tech. Portobello irrumpiu no seu capital coa compra dunha participación lixeiramente inferior ao 20%, converténdose así en accionista minoritario na consultora que capitanea Antonio Agrasar.
A pegada de Ancala Partners en Galicia
No lado contrario, Ancala Partners reforzará os seus vínculos con Galicia. A firma aterrizou en España no ano 2020 tras a adquisición do 49% do negocio enerxético de Ence e, ademais, controla desde o ano 2022 Avincis, a filial de Babcock especializada en servizos de emerxencia aérea.
Ancala Partners desembolsou 136 millóns por esta división de servizos de emerxencias médicas, extinción de incendios e busca e rescate en España, Portugal, Italia, Finlandia, Suecia e Noruega. A operación supuxo o seu desembarco nos helicópteros de salvamento marítimo da Xunta.