Récord da construtora de Amancio Ortega: Goa Invest supera os 1.000 millóns de negocio

A filial de Inditex, cuxa actividade se centra nas obras que lle encarga a propia multinacional e a Fundación Amancio Ortega, é a segunda construtora galega en superar os 1.000 millóns de ingresos tras elevar a súa facturación un 34% en 2024 e un 56% o beneficio.

El fundador de Inditex, Amancio Ortega, durante el Concurso de Saltos Internacional de Casas Novas, que se celebra este fin de semana en el concello coruñés de Arteixo. EFE/Cabalar

El fundador de Inditex, Amancio Ortega, durante el Concurso de Saltos Internacional de Casas Novas, que se celebra este fin de semana en el concello coruñés de Arteixo. EFE/Cabalar

A lombos de Inditex, Goa Invest sumouse ao selecto club de empresas galegas que facturan máis de 1.000 millóns de euros. A construtora do grupo de Amancio Ortega, presidida por José Manuel Queijeiro Pérez e, antes, polo seu pai, Manuel Queijeiro Mosquera, marcou un récord de ingresos, que lle permite converterse na segunda empresa galega do sector en pechar o exercicio por riba dese limiar de 1.000 millóns. A outra é San José, que rematou o pasado curso con unha cifra de negocio de 1.557 millóns.

Goa Invest, con todo, funciona de maneira distinta ao grupo de Jacinto Rey. O seu traballo céntrase nos encargos da propia multinacional, tradicionalmente, para o despregue da súa rede de tendas; e nas obras da Fundación Amancio Ortega, por exemplo, as sete residencias de maiores que está levantando en Galicia. Con eses clientes, a filial de Inditex acabou o 2024 como a segunda maior construtora galega e unha das maiores de España por volume de negocio.

Os ingresos tríplícanse dende o Covid

Para lograr tales fitos, Goa Invest tivo que dar un salto espectacular na súa facturación, que se triplicou desde o paréntese provocado polo Covid. O ano pasado alcanzou unha cifra de negocio de 1.065 millóns, cun avance do 34% respecto a 2023. Un ano antes, en 2022, os ingresos situábanse en 543,8 millóns, mentres que en 2021 eran de só 352,5 millóns. En catro anos, polo tanto, o crecemento foi dun 202%, marcando un cambio de ciclo para a propia construtora que coincidiu cos cambios na presidencia da filial e de Inditex.

Antes deste período alcista, Goa encadeou tres exercicios á baixa (2018-2020), nos que o seu negocio reduciuse á metade, até baixar dos 300 millóns no ano do Covid. Nese momento, o xigante téxtil estaba a reconfigurar a súa rede de tendas para adaptarse aos novos hábitos de consumo, a un cliente multicanal que opera cada vez máis de forma dixital, e a un novo formato de establecemento de grandes dimensións, as chamadas flagships.

O beneficio dispárase

O crecemento da construtora de Inditex trouxo consigo un forte incremento do beneficio. O resultado de explotación de Goa Invest situouse nos 69,2 millóns, por encima dos 42,8 millóns do exercicio anterior. As ganancias da compañía alcanzaron os 56,6 millóns, un 56% máis. O beneficio antes de impostos foi de 74,2 millóns, por encima dos 47 millóns de 2023, segundo consta nas contas anuais da empresa depositadas no Rexistro Mercantil e asinadas polo seu presidente, Queijeiro Pérez, e polos dous vogais do consello de administración, Vicente Cortizas González-Criado e Juan José López Romero.

A diferenza do anterior exercicio, cando repartiu 10 millóns en dividendos á súa matriz, Goa Invest decidiu o ano pasado destinar a totalidade das ganancias a reservas.

Os activos da construtora situáronse nos 417,5 millóns, tamén con un crecemento importante respecto aos 324 millóns de 2023, mentres que o patrimonio neto creceu ata os 65,7 millóns (44,1 millóns en 2023).

Crecemento do 34% en España

Goa Invest conta con establecementos permanentes en 14 países europeos, e completa as súas operacións cunha filial en Hamburgo e unha participada en México DF. A sociedade alemá, Goa Invest Deutschland GMBH, achegou á construtora de Inditex 3 millóns en dividendos nos dous últimos exercicios.

A actividade da compañía céntrase no mercado europeo. A facturación en España alcanzou os 451 millóns, un 34% máis que o ano anterior. No resto de Europa o avance foi lixeiramente superior, dun 35%, ata situarse nunha cifra de negocio de 607 millóns. Os outros mercados son residuais para Goa Invest, que ingresou 3,8 millóns en América e 1,8 millóns no resto do mundo, en ambos casos con descensos de facturación respecto a 2023.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta