Ryanair repite xogada: arremete contra a ‘Aena portuguesa’ para xustificar outro recorte de voos.
A aerolínea irlandesa, que asestou un duro recorte nos aeroportos galegos ao irse de Vigo e pechar a súa base en Santiago, carga contra ANA por utilizar o seu monopolio para encarecer as taxas, pide a intervención do Goberno portugués e suprime os seus voos ás Azores.
O conselleiro delegado de Ryanair, Michael O’Leary, durante unha rolda de prensa de Ryanair. Eduardo Parra-Europa Press
Ryanair viu en ANA o que antes viu en Aena. E non é nada bo segundo o xuízo da aerolínea irlandesa, que xustificou un novo recorte de voos polo encarecemento das taxas do xestor aeroportuario. E neste caso pide contas á propia ANA, a Portugal e á propia UE. O grupo de Michael O’Leary anunciou que cancelará todos os voos a partir do 29 de marzo do próximo ano ás Azores, o que implicará eliminar as conexións con Londres, Bruxelas, Lisboa e Oporto.
Para xustificar o abandono das súas operacións, Ryanair dispara en varias direccións, seguindo un discurso moi similar ao que esgrimiu en España, cando anunciou que recortaría 1,2 millóns de asentos para a próxima tempada de verán e o desvío de 2 millóns de prazas anuais, o que implicou o peche da base de Santiago e a saída da aerolínea do aeroporto de Vigo.
As taxas de ANA
Di a compañía nun comunicado que o monopolio francés de ANA, a xestora aeroportuaria controlada por Vinci, non ten intención ningunha de aumentar a conectividade low cost coas Azores e así se explica que incrementara as taxas de navegación “un 120% desde o Covid”. Ademais, acúsaa de introducir unha taxa de viaxe de 2 euros cando outros territorios están eliminándoas.
“Estamos decepcionados despois de que o monopolio aeroportuario francés de ANA siga aumentando as taxas aeroportuarias en Portugal para enriquecerse á custa do turismo e o emprego no país, especialmente nas illas portuguesas. Como consecuencia directa deste aumento de custos, non nos quedou máis remedio que cancelar todos os voos ás Azores a partir do 29 de marzo de 2026 e reasignar esta capacidade a aeroportos de menor custo”, di Jason McGuinness, director comercial de Ryanair, citado no comunicado.
A UE, tamén mal
A mirada de Ryanair vai máis alá de ANA e reprocha a Bruxelas que prexudique a competitividade das “rexións europeas máis remotas”, en referencia ao arquipélago, con “impostos medioambientais anticompetitivos“.
Por último, recomenda ao Goberno luso “intervir” para garantir que os seus aeroportos “sirvan para beneficiar ao pobo portugués e non a un monopolio aeroportuario francés”, repetindo de novo a orixe da propiedade de ANA.