Indra amplía a súa pegada en Galicia e alíase coa ourensá Egatel para desenvolver sistemas de defensa.
A compañía de Ángel Escribano asina un convenio de colaboración coa firma de San Cibrao das Viñas para a execución dos programas estatais de modernización militar.
O presidente de Indra, Ángel Escribano, e o conselleiro delegado de Egatel, Yago Novoa, durante a firma do acordo estratéxico entre ambas compañías. Foto: Indra
Nova alianza de Indra cunha empresa galega. O grupo de Ángel Escribano asinou un acordo de colaboración coa firma ourensá Egatel para desenvolver, fabricar e industrializar solucións de comunicación avanzadas de defensa electrónica, de mando e control, radares e de simulación e de espazo.
“O acordo (…) establece un marco de cooperación para identificar e promover conxuntamente novas oportunidades de negocio e proxectos tecnolóxicos que fortalezan a soberanía nacional e posicionen á industria española de defensa na vangarda internacional”, detallou Indra nun comunicado. A empresa destacou que o desenvolvemento e a fabricación de sistemas de comunicacións avanzadas inclúe terminais de comunicación satelital de “última xeración”.
Termos do acordo
Así mesmo, o acordo inclúe unha colaboración en materia de integración electrónica e electromecánica, así como na provisión de solucións completas para a xestión do ciclo de vida de sistemas propios e de terceiros, “tanto no mercado nacional como internacional”.
“Ambas compañías constituirán un comité de seguimento encargado de definir a estratexia conxunta, avaliar oportunidades comerciais e supervisar o progreso dos proxectos”, apuntou Indra.
Programa de modernización militar
O acordo con Egatel enmárcase na execución dos programas nacionais de modernización militar, dos que Indra resultou principal adxudicataria xunto con Airbus e Navantia.
“A alianza con Egatel permítenos integrar capacidades complementarias e acelerar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas de alto valor engadido para as Forzas Armadas e outros clientes estratéxicos, tanto en España como en mercados globais”, destacou o presidente de Indra, Ángel Escribano.
Pola súa parte, o conselleiro delegado de Egatel, Yago Novoa, resaltou que o acordo impulsa o desenvolvemento conxunto de “solucións tecnolóxicas de alta fiabilidade”.
Egatel
Egatel é unha compañía referente do sector TIC ourensán, que chegou ás súas maiores cotas de negocio arredor de 2010 pero que logo comezou unha progresión negativa que se viu agudizada pola crise. Ata 2023, Egatel estaba en mans da catalá Comsa Corporación, aínda que nese momento produciuse a irrupción dun grupo de investidores galegos liderados polo actual CEO da compañía, Yago Novoa, a través da sociedade New Vilu.
Investimento de Indra en Galicia
O acordo de colaboración de Indra con Egatel amplía a pegada dos de Escribano na comunidade galega.
Antes do escenario de forte crecemento no que está instalada polo maior gasto en defensa, a compañía xa tiña presenza en Galicia con centros de traballo distribuídos en Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e Ourense e algo máis de 1.100 empregados.
Ademais, o pasado xullo a compañía asinou o pasado xullo un protocolo de colaboración coa Zona Franca para implantar o Centro de Excelencia de Aeroespacial e de Defensa, que contará con laboratorios e oficinas nas que está previsto que, para 2026, traballen máis de 200 profesionais, na súa maioría procedentes de universidades galegas e con un perfil altamente cualificado.
A isto súmase a participación na fábrica de semicondutores fotónicos de Sparc, da que Indra é o primeiro accionista. Tamén ubicada na cidade olívica, a compañía entrará con esta factoría no deseño e produción de chips baseados en nitruro de galio, unha tecnoloxía clave polas súas aplicacións en radiofrecuencia e radares AESA. A fábrica de semicondutores de Sparc entrará en operación durante 2027 Parque Tecnolóxico de Valadares. Indra controla un 37% da empresa e espera xerar sinerxías co seu outro centro olívico, o Centro de Excelencia de Aeroespacial e de Defensa.