Telefónica subministrará un segundo ordenador cuántico ao Centro de Supercomputación de Galicia
O Centro de Supercomputación de Galicia adquirirá un segundo ordenador cuántico enfocado á formación e simulacións, que se sumará aos adxudicados a Fujitsu e Telefónica.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anuncia no Cesga a adquisición dun novo ordenador cuántico / Xunta
A Xunta adquirirá un novo ordenador cuántico para o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Así o avanzou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, este venres, na xornada que serviu para presentar os novos equipamentos do centro. O segundo ordenador, de 5 cúbits, denominarase IQM Spark e estará enfocado á formación e simulacións, complementando así o de maior capacidade, de 54 cúbits. A Xunta adquirirá ambos a través de Telefónica.
Segundo explicou o conselleiro, esta separación técnica permitirá que o maior se dedique á produción científica e industrial, mentres que o de menor tamaño servirá como banco de probas para desenvolver a capacidade técnica necesaria neste campo emerxente e validar así novos desenvolvementos antes do seu escalado.
O ordenador de 25 millóns de Fujitsu
Por outra banda, o novo superordenador Finisterrae IV, adxudicado a Fsas Tecnchonologies (Fujitsu) por 25 millóns e que multiplicará por sete a capacidade de cálculo do actual (Finisterrae III), representa un salto tecnolóxico ao integrar a supercomputación coas posibilidades que abre o uso da intelixencia artificial a gran escala. Ademais, o sistema de almacenamento suporá máis do dobre que o actual e tamén experimentará unha mellora técnica notable, adoptando unha arquitectura xerarquizada que garanta un acceso eficiente e sostido aos datos. O sistema foi deseñado cun forte énfase na eficiencia enerxética, empregando tecnoloxías de refrixeración líquida para soportar os fluxos de datos intensivos da computación científica actual. En conxunto, esta tecnoloxía contribuirá aínda máis a reforzar a capacidade da nosa I+G+ i.
Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, detallou as posibilidades de futuro que se abren co reforzo do CESGA desde varias perspectivas, e destacou o bo momento que está a vivir a ciencia e a innovación feitas na Galicia Calidade, algo que atribuíu ao traballo conxunto de administracións, universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas.