Os traballadores do comercio claman en Vigo contra o traballo os domingos e os festivos
Un cento de empregados do sector secundou a mobilización convocada por Comisiones Obreiras e lamentou a decisión da Xunta de autorizar varias aperturas en domingos e festivos neste verán.
Imaxe da protesta de traballadores do sector do comercio contra as xornadas de traballo en festivos e domingos / Europa Press
Cerca dun cento de empregados do comercio deu cita en Vigo para expresar o seu rexeitamento ás xornadas de traballo en domingos e festivos.
“Exiximos tempo para vivir”, reclamaron nestas protestas que foron convocadas por Comisións Obreiras. Ás portas de El Corte Inglés da cidade olívica, situado na rúa Gran Vía, delegados sindicais e traballadores fóra de quenda reuníronse para acabar co “abuso colectivo” de abrir varios domingos e festivos ao ano.
Con lemas como Festivos pechados, dereitos respectados; Traballar sen parar non nos deixa conciliar, ou En festivo non se vende. O descanso deféndese, os traballadores lamentaron a decisión da Xunta de autorizar varias aperturas en domingos e festivos este verán sen consultar cos sindicatos.
Sobre este punto, o secretario xeral da Federación de Servizos de Comisións Obreiras Galicia, Iván Cordeiro, explicou que esta protesta é a antesala da folga convocada para o próximo sábado, día 15 de agosto, por varios sindicatos ante a autorización de abrir ese festivo.
Cordeiro indicou que non se levou a cabo ningún cambio de normativa, asegurando que a lei permite abrir ata 10 domingos e festivos ao ano en Galicia. Con todo, normalmente a autorización para facelo vén precedida por unha consulta aos sindicatos, que nesta ocasión non se produciu.
“Escolléronse dous festivos moi sinalados en Galicia, como foi o día seguinte a Santiago Apóstolo e San Roque, cando os traballadores poderían ter un fin de semana longo de calidade para gozar coas súas familias”, lamentou.