A folga do comercio téxtil na Coruña paraliza o primeiro día de rebaixas: “Moitas tendas están pechadas”
Os traballadores reclaman un marco galego "que blinde os convenios provinciais fronte ao estatal" e piden á patronal "que se sente a asinar o acordo" xa que "o que se negocia en Madrid é de condicións inferiores".
Protesta do persoal do comercio téxtil na provincia da Coruña – CIG
Traballadores do comercio téxtil da Coruña secundaron unha nova nova xornada de folga, cun paro de 24 horas no día de inicio das rebaixas. Convocados pola CIG e UGT, o persoal demanda un marco galego “que blinde os convenios provinciais fronte ao estatal”.
Lucía Domínguez, representante da CIG, sinalou que a xornada está sendo un “éxito” con “moitas tendas pechadas e as que están abertas é con persoal eventual ou da dirección dos establecementos”.
“Moito seguimento”, dixo sobre unha folga de 24 horas con mobilización na Coruña desde a praza de Lugo ata o Obelisco para levar á cidadanía as súas reivindicacións no marco dunha xornada de paros que manteñen desde hai semanas.
Petición da patronal
“Non temos novas”, apuntou a dirixente sindical sobre a solicitude que, segundo explicou, fixeron ás empresas — as de maior presenza a nivel estatal — de cara a un acordo. O mesmo indicou sobre a solicitude plantexada ante o Consello Galego de Relacións Laborais.
“Queremos que a patronal se sente a asinar o acordo marco galego”, recalcou para incidir en que desta forma “tería prioridade” o convenio provincial da Coruña. “O que se negocia en Madrid é de condicións inferiores”, insistiu.
E é que ambas centrais sindicais rexeitan que o sector estea regulado por un convenio estatal que, argumentan, “reúne peores condicións e que pretende implantar a patronal ARTE”, integrada polas grandes empresas do ámbito. Ademais, sosteñen que suporía “neutralizar ou conxelar durante anos as melloras laborais e salariais” conseguidas a través de convenios provinciais.
Desde a representación sindical solicitouse, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, “reunións coas patronais provinciais para pactar un acordo marco galego que estableza a prioridade aplicativa dos convenios provinciais”, sen ter resposta o que motivou a convocatoria do paro deste mércores.