UGT desmarcase da CIG e asina o convenio que «desbloquea» a folga no transporte de viaxeiros da Coruña
O sindicato asinou un convenio de eficacia limitada ao que os traballadores poderán adherirse individualmente ata o 1 de maio.
Traballadores protestan en Santiago ante o atasco no convenio provincial do transporte de viaxeiros por estrada / CIG
UGT dá o primeiro paso para desbloquear o conflito no sector do transporte de viaxeiros da provincia da Coruña. O sindicato asinou un convenio de eficacia limitada ao que os traballadores poderán adherirse individualmente.
O texto incorpora como base o do preacordo do 2 de febreiro, aínda que con “aclaracións e melloras” e asinouse despois dunha nova mediación realizada este venres, que a CIG cualificou como un “teatro inconcluso” e tras a que chamou a manifestarse este domingo fronte á estación de autobuses de Santiago de Compostela.
A través dun comunicado, a UGT defende que a sinatura deste acordo “desbloquea” un conflito que se atopaba “nunha dinámica de desgaste, incerteza e confrontación recente”. Por iso, adoptou esta decisión despois de consultar á súa afiliación e “en coherencia co xa manifestado en reunións anteriores”.
Neste sentido, a organización defende que se respectará “escrupulosamente” o resultado da votación dos traballadores que acabou tumbando o preacordo -“tanto a quen votou ‘si’ como a quen votou non“- e cada persoa poderá decidir “libremente” se desexa adherirse ao convenio asinado por UGT, “sen obrigas de ningún tipo”.
A adhesión ao presente acordo deberá formalizarse de maneira “expresa e individual” antes do 1 de maio de 2026. “Transcorrido ese prazo sen manifestarse expresamente, entenderase que a persoa traballadora non se adhire ao mesmo”, explica o comunicado.
De acordo co sindicato, establécese o plus de 8 euros por día en xornada continuada; en festivos, amplíase e mellórase o plus en días especiais (50 euros de forma xeral e 100 euros en días especiais); en cadrantes de servizos regulares e escolares, establecerase unha previsión con dúas semanas de antelación, e na xornada partida e as dietas de banda horaria, mantéñense as condicións actuais.