Xeal desvela a súa gran aposta: arrinca a construción da súa fábrica de carbón vexetal cunha inversión de 28 millóns.
A compañía propiedade do grupo Energo-Pro celebrou este mércores o acto simbólico de colocación da primeira pedra desta planta coa que avanza no seu proceso de descarbonización.
Imaxe do acto simbólico de colocación da primeira pedra da nova fábrica de carbón vexetal de Xeal en Dumbría / Xeal
Xeal pon a primeira pedra da súa planta de carbón vexetal. A compañía propiedade de Energo-Pro celebrou este mércores en Dumbría este acto simbólico co que dá inicio ao proceso de construción dun proxecto clave dentro da súa aposta pola descarbonización e o seu compromiso por unha industria máis sostible, competitiva e con arraigo territorial.
O acto contou coa presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Jordi García Brustenga, secretario de Estado de Industria do Goberno de España; e Libor Sečka, embaixador da República Checa en España; así como representantes institucionais, autoridades autonómicas e estatais, directivos da compañía e do seu accionista, Energo-Pro.
Xeal optou para este acto por deixar á marxe formatos tradicionais (enterramento de cápsula do tempo ou dunha urna simbólica) para presentar seis lousas coas pegadas de traballadores e traballadoras. Trátase, segundo a compañía, de “unha acción cargada de simbolismo que conecta co lema do proxecto: Xeal non deixa pegada, pero o seu equipo si, en referencia tanto ao papel central das persoas como á redución da pegada de carbono que permitirá a nova instalación”
Xeal dedicará un investimento superior aos 28 millóns de euros para a posta en marcha destas instalacións que se ubicarán xunto ao centro produtivo de Xeal en Dumbría. Trátase dunha iniciativa que foi declarada Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) pola Xunta de Galicia e que, ademais, contará co apoio do PERTE de Descarbonización Industrial, un instrumento impulsado polo Goberno de España para acelerar a transformación verde do tecido industrial.
“Unha infraestrutura clave”
Segundo subliña Xeal a través dunha nota de prensa, “a planta terá capacidade para producir entre 11.000 e 14.000 toneladas anuais de carbón vexetal, o que permitirá substituír progresivamente carbón fósil nos procesos produtivos e reducir de forma significativa as emisións de CO₂ asociadas á actividade industrial”.
“Hoxe non celebramos unha primeira pedra ao uso. O que poñemos en valor é un proxecto estratéxico, un compromiso industrial e, sobre todo, ás persoas que fan posible Xeal. A planta de carbón vexetal simboliza un principio que nos define: Xeal non deixa pegada, pero as súas persoas si”, destacou María Couto, CEO de Xeal.
A directiva galega engadiu que “esta planta de carbón vexetal é unha infraestrutura clave para garantir o futuro industrial de Xeal en Galicia. Permítenos transformar os nosos procesos produtivos, gañar autonomía en subministracións estratéxicas e avanzar cara a un modelo máis eficiente e descarbonizado. Ademais, destacou que “con esta nova instalación damos un paso decisivo para reducir a nosa pegada de carbono e aliñarnos cos obxectivos climáticos europeos, de España e Galicia, demostrando que é posible avanzar en sostibilidade sen renunciar a unha industria forte e competitiva.”
En paralelo, Jakub Fajfr, CEO de Energo-Pro, puxo de relevo o valor estratéxico do proxecto e o seu impacto a longo prazo. “Para Energo-Pro é un orgullo acompañar a Xeal nun proxecto que representa moito máis que unha investimento industrial: é un compromiso firme coa sostibilidade, a innovación e a industria do futuro”, recalcou. “A planta de carbón vexetal é un elemento estratéxico dentro do proceso de transformación industrial de Xeal e un exemplo de como a innovación tecnolóxica pode contribuír de forma real á descarbonización da industria pesada. Este proxecto reforza a competitividade de Xeal a longo prazo e consolida unha industria moderna, preparada para responder aos retos enerxéticos e medioambientais que afronta Europa“, precisou.