Zamora Company, propietaria das galegas Mar de Frades e Godeval, pulveriza os 20 millóns de beneficio
A propietaria de marcas como Ramón Bilbao ou Licor 43 disparou os seus beneficios un 6,1% nun ano marcado pola compra da galega Godeval, a pioneira co godello.
Rodolfo Bastida, director técnico das adegas Zamora Company, e Javier Pijoan, CEO de Zamora Company, xunto con Araceli Fernández, Honorato López e Eduardo López de Bodegas Godeval / Zamora Company
Zamora Company suma e segue. A propietaria de marcas como Licor 43, Ramón Bilbao, Martin Miller’s Gin ou a galega Mar de Frades desvelou este martes que o seu beneficio neto disparouse un 6,1% en 2025.
En concreto, a firma gañou 20,7 millóns de euros nun ano marcado, entre outras cousas, pola adquisición da galega Godeval, a pioneira do godello e que conta con máis de 50 hectáreas na comarca de Valdeorras.
O grupo de bebidas premium alcanzou o pasado ano un resultado bruto de explotación (Ebitda) de 46,9 millóns de euros, mentres que fortaleceu o seu balance ao reducir a súa débeda nun 22,1%, situándoa en 17,9 millóns de euros.
A aposta de Zamora Company
A firma puxo en valor as medidas de eficiencia operativa que puxo en marcha, que unidas a unha sólida disciplina financeira e a unha xestión rigorosa, lle permitiron aumentar a súa rendibilidade, medrar en parámetros clave e consolidar o seu posicionamento en mercados estratéxicos nun contexto desafiante marcado por unha transformación do consumo.
Mediante esta estratexia, Zamora Company logrou que o seu beneficio neto medrase un 25,4% nos últimos cinco anos, ao pasar dos 16,5 millóns de euros de 2021 aos 20,7 millóns en 2025. “Continuamos avanzando en eficiencia e axilidade organizativa, consolidando un modelo operativo global que nos permite aproveitar as oportunidades dun sector esixente e cambiante. A mellora do beneficio neto demostra a capacidade de adaptación da compañía e a solidez da nosa estratexia a longo prazo”, subliñou o conselleiro delegado de Zamora Company, Javier Pijoan.
O exercicio 2025 estivo marcado polo fortalecemento do negocio vitivinícola do grupo coa incorporación de Bodegas Godeval, así como pola ampliación da súa actividade de distribución internacional ao converterse no distribuidor exclusivo en España, Andorra e Xibraltar de Tito’s Vodka. A través destes movementos, Zamora Company reforza o seu portafolio premium, a súa estratexia de crecemento en categorías e mercados clave e consolídase como partner estratéxico de referencia no desenvolvemento de marcas en España e Portugal.
A propietaria de Ramón Bilbao e Licor 43 vén reforzando nos dous últimos exercicios a súa presenza en categorías de espirituosos de alto crecemento. Ademais destas operacións, hai que destacar a distribución de Ron Abuelo, con máis dun século de historia; o tequila Buen Amigo e os espumosos Bottega Gold e Bottega 0,0, referencias que responden á sofisticación do consumo e ao auxe de experiencias premium na hostalaría e ‘retail’.
“Nos últimos anos reforzamos de maneira decidida a nosa aposta por categorías con potencial de crecemento e un claro posicionamento premium. O noso obxectivo é seguir construíndo un portafolio sólido, innovador e aliñado coas oportunidades que ofrecen os mercados e categorías de maior proxección”, indicou Pijoan.
O desglose das súas vendas
Respecto á exportación, o mercado internacional tivo un comportamento satisfactorio ao representar o 54,4% do negocio fronte ao 45,6% do mercado doméstico, sendo os seus principais destinos Estados Unidos, Alemaña, Países Baixos, México e Brasil.
En canto ao porcentaxe de vendas do portafolio de espirituosos sobre o conxunto, a compañía alcanzou en 2025 o 61%, mentres que as marcas de viños supuxeron o 39% das mesmas. Por marcas, destacan as vendas obtidas por Licor 43, que supuxeron en 2025 o 42,5% dos ingresos da compañía, seguida de Ramón Bilbao (29,6%), Mar de Frades (6,9%), Villa Massa (5,5%) e Martin Miller’s Gin (4,3%).
En paralelo, Zamora Company recordou que operou nun entorno complexo que afecta ao conxunto da industria de viños e espirituosos, marcado pola desaceleración global do consumo, o cambio nos hábitos dos consumidores e a incerteza xeopolítica internacional. A isto súmanse o incremento dos custos de produción e distribución, así como o impacto do cambio climático, cuxas temperaturas extremas afectan directamente á calidade e cantidade das colleitas.
Neste escenario de transformación, o grupo español sinalou que enfocou a súa estratexia na adaptabilidade ás novas necesidades do consumidor e na consistencia na construción de marcas fronte aos novos retos do sector, alcanzando un importe neto da cifra de negocio de 255 millóns de euros en 2025, un 2% menos respecto ao exercicio anterior.
“O sector vive un momento de transformación e este 2025 volveu demostrar a importancia de manter unha visión a longo prazo e unha xestión responsable e eficiente nun entorno cambiante. Estamos ante un cambio estrutural nos hábitos de consumo que nos está obrigando a todos a redeseñar o sector para converter os desafíos en palancas de oportunidade”, asegurou o presidente de Zamora Company, José María de Santiago.