Congalsa, Friscos, Ecoener, Gestán e Quobis sobresaen polo seu vínculo co entorno no Atlas de ED Galicia
Optare Solutions e Valtalia tamén destacan pola súa relación co territorio no Atlas Galego da Empresa Comprometida, ás que se suman Martín Códax, Gadisa, Insertega e Intelsis.
O Atlas Galego da Empresa Comprometida mide as relacións dos grupos empresariais co seu contorno inmediato.
O Atlas Galego da Empresa Comprometida, editado por Economía Dixital Galicia, mantén un ano máis o esforzo para ofrecer unha radiografía integral do tecido empresarial a través das súas catro categorías (Bo Goberno, Medio Ambiente, Contorno e Persoas), “co propósito de manter o equilibrio entre estabilidade metodolóxica e a capacidade de adaptación”, segundo os autores do estudo, os economistas Marcelino Fernández Mallo e Fernando de Llano.
Nesta edición, no caso da categoría Contorno obsérvase unha lixeira redución do índice global ata os 5,9 puntos. Esta variación non altera, con todo, a impresión xeral dunha elevada integración das empresas no tecido económico e social galego. O compromiso cos provedores locais, a interacción cos axentes sociais e a concentración do emprego no territorio continúan a ser características definitorias das empresas participantes no Atlas, de acordo cos autores.
As variables
A variable de innovación, incorporada recentemente á análise do contorno empresarial, confirma un nivel moderado de actividade en I+D+i que, sen ser insuficiente, constitúe un ámbito clave para reforzar a competitividade futura. A través de indicadores como o compromiso cos provedores locais, a internacionalización, a densidade do emprego rexional, a cooperación con axentes sociais e o fomento da I+D+i, esta categoría avalía o grao de arraigamento das organizacións no tecido produtivo galego e a súa achega ao crecemento sostible do territorio.
Na edición de 2025, a categoría acada unha valoración global de 6 puntos sobre 10, “confirmando unha tendencia negativa se consideramos os datos de 2023 (6,3) e de 2024 (6,1)”, aseguran os autores. Parece confirmarse unha certa desaceleración neste ámbito, provocada fundamentalmente, engaden, por unha perda de peso dos provedores locais e do emprego radicado en Galicia na cadea de valor, así como por un menor volume de vendas fóra do territorio propio.
Os grupos e o seu compromiso
Na categoría Contorno, na práctica, dúas de cada tres empresas do Atlas (65%) conseguen entre 3 e 5 estrelas das 5 posibles, claramente por riba dos resultados da edición pasada (54%). Estes resultados confirman que “existe un compromiso por parte das empresas galegas por crear e reverter valor ao territorio que as acolle mediante o mantemento da estrutura dos seus centros de decisión e produtivos aquí”. Tamén se detecta un compromiso por “reforzar a súa presenza en mercados exteriores, consolidar a colaboración e a rendición de contas cos axentes sociais, apostar por unha I+D+i planificada, activa e conectada coa sostibilidade”.

O estudo destaca ás sete empresas (o mesmo número que na edición pasada) que acadan a excelencia nesta categoría, as 5 estrelas: Congalsa, Conservas Friscos, Ecoener, Gestán, Optare Solutions, Quobis e Valtalia. A estas seguen outras 14 empresas con 4 estrelas (idéntico número ao da edición de 2024). Entre elas, como apunta o cadro adxunto, organizacións como Abanca, Bodegas Martín Códax, Cupa Group, Espina & Delfín, Gadisa, Insertega, Itelsis e Kaleido Ideas & Logistics.
O proxecto de ED Galicia
O Atlas Galego da Empresa Comprometida mantén un equipo estable desde a súa posta en marcha, ao que se incorporou en calidade de codirector técnico Fernando de Llano, profesor da UDC. Comparte tarefas co economista Marcelino Fernández Mallo. Virgilio Costas, de Táctica e Estratexia de Comunicación, asume a dirección de desenvolvemento do proxecto. A Xunta, Profand, Gadisa, Copasa e Cobre San Rafael son os patrocinadores desta edición, integrada no proxecto Galicia Smart Business, de Economía Dixital Galicia.