Ánxeles Vázquez apela ao traballo conxunto: “O cumprimento dos obxectivos de sustentabilidade non ten ideoloxía”
A conselleira de Medio Ambiente chamou, na presentación do Atlas Urbano de ED, á cooperación entre a Xunta, os concellos e a sociedade civil para cumprir cos obxectivos europeos en materia de circularidade.
De izquierda a derecha, el presidente de la Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; la conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; y el director de Economía Digital, Bernat García. Foto: Xunta
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, apelou ao traballo conxunto entre Xunta, concellos, empresas e sociedade civil para dar cumprimento ás normativas marcadas por Europa en materia de sustentabilidade, sendo un dos principais horizontes o de 2035, cando o 65% dos residuos urbanos debe ser reciclado ou reutilizado. A dirixente autonómica realizou este chamamento durante a súa intervención no acto de presentación do Atlas Urbano da Sustentabilidade en Galicia, proxecto impulsado por Economía Digital Galicia que este ano acadou a súa cuarta edición.
“O cumprimento dos obxectivos de sustentabilidade non ten ideoloxía. Se un concello o fai mal, temos que convencelo para que o faga mellor. Temos que conseguir que non cheguen sancións de Europa en 2035 porque, ao final, téñenas que pagar os galegos e as galegas”, indicou tras a presentación dos resultados do estudo. Del mesmo, dispoñible para a súa descarga na web de Economía Digital Galicia, extráese que, nestes momentos, as sete cidades galegas rexistran avances na xestión circular dos recursos que consumen, aínda que a distintas velocidades e precisan, en todos os casos, un maior impulso para poder acadar os estándares europeos.
A titular autonómica de Medio Ambiente foi taxativa, ao indicar no acto, celebrado na Fundación Paideia, na Coruña, que “a economía circular está no centro das axendas, trátase dunha cuestión urxente, na que nos xogamos o noso progreso inmediato”.
Plan local de acción polo clima
“Temos que falar de sustentabilidade en tres ámbitos. Non existe se só nos obsesionamos coa bolsa de plástico. Hai que abordar todo desde unha perspectiva social, económica e medioambiental”, matizou. Así, a titular de Medio Ambiente da Xunta indicou que o cumprimento destes obxectivos debe ser abordado máis alá das competencias de cada administración. “Esta mensaxe é fundamental. Sabemos quen ten as competencias en materia de xestión de residuos e auga pero hai administracións que non podemos deixar orfas”, expuxo.
Neste punto, Vázquez indicou que os concellos que conten cun plan local de acción polo clima terán prioridade na concesión de axudas públicas na materia no exercicio 2027. A intención da Consellería de Medio Ambiente é que na convocatoria de axudas do próximo ano da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático se inclúa, como criterio de valoración específico, que as administracións locais conten con este instrumento, “unha folla de ruta fundamental para mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións”.
Segundo os datos da Xunta, xa son 260 os concellos que contan cun plan de acción de clima. A Lei do Clima de Galicia establece que a súa aprobación é obrigatoria para os concellos de máis de 20.000 habitantes e, nestes momentos, o 74% dos municipios xa o teñen aprobado ou presentado.

Vázquez asegurou que, aínda que a xestión de residuos é unha competencia municipal, “a Xunta leva anos apoiando ás administracións locais” e asegurou que, desde 2018, destináronse 40 millóns de euros en axudas a concellos para implantar melloras no servizo de recollida selectiva. “O 97% dos concellos galegos implantou, total ou parcialmente, un sistema de recollida para os biorresiduos; o 88% ten servizo de punto limpo -o que equivale ao 93,5 por cento da poboación-, e un 80% dispón doutros sistemas de recollida diferenciada de residuos especiais como téxtiles e aceites”, enumerou.
A importancia dos datos
Vázquez tamén apelou á necesidade de investir en transparencia e medición de datos actualizados, para así poder actuar en consecuencia. “Nós medimos, cando hai outras comunidades que non o fan. Non imos por mal camiño. Temos 47 estacións que miden a nosa calidade do aire. É un exemplo. Temos que estar preto dos concellos, só así, da man das sete grandes cidades cumpriremos estritamente os obxectivos que nos marca Europa”, dixo.
“Estamos nun bo momento e estou segura de que certas cidades van mellorar a raíz dos resultados expostos no Atlas Urbano da Sustentabilidade”, resumiu.