Atlas Urbano de ED: as cidades avanzan na xestión circular, pero necesitan máis impulso para cumprir con Europa
O estudo impulsado por Economía Digital Galicia indica que Santiago e Pontevedra son as cidades con máis avances na carreira da economía circular, aínda que todas deben mellorar, especialmente na xestión de residuos e da auga.
Los periodistas de ED Galicia, Rubén Rodríguez y Cristina Díaz Pardo; el director técnico del Atlas Urbano, Xosé Gabriel Vázquez; el director del grupo Economía Digital, Bernat García; la conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; el presidente de la Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; el director de Economía Digital Galicia, Julián Rodríguez, y el catedrático de Ingeniería Química de la USC, Gumersindo Feijóo en la presentación del Atlas Urbano de la Sostenibilidad en Galicia
As sete cidades galegas rexistran avances na xestión circular dos recursos que consumen, aínda que a distintas velocidades e necesitan máis impulso para poder acadar os estándares europeos, segundo indica a cuarta edición do Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia, editado por Economía Digital Galicia.
O estudo analiza a economía circular das urbes galegas desde o enfoque do Monitoring Framework for Circular Economy da Comisión Europea, que concibe a xestión das cidades como o proceso metabólico dun organismo vivo, que importa recursos, transfórmaos mediante procesos internos e xera emisións. Deste xeito, tras estudar 45 indicadores diferentes, trata de establecer o comportamento de acordo con criterios de economía circular e sostible. Xosé Gabriel Vázquez, analista social e profesor da UDC (Universidade da Coruña) e coordinador do Atlas Urbano, explicou no transcurso da presentación que Galicia se atopa nunha “encrucillada” na que debe elixir a opción dun escenario “reformista”, con medidas “illadas pero insuficientes”; ou un modelo “transformador” que aposta por unha “arquitectura institucional conxunta, con urbanismo valente e o desenvolvemento pleno da economía circular”.
Obxectivos da UE
Xosé Gabriel Vázquez sinalou que Galicia está lonxe do obxectivo da Unión Europea (UE) de aproveitamento dos recursos para 2035, establecido no 65%, xa que na actualidade non supera o 15%, dous puntos menos que España (17%). Con todo, a xeración media de residuos por habitante e ano é de 416 quilos, fronte aos 464 de España.
Deste xeito, defendeu a necesidade de implantar “cinco palancas” para avanzar na circularidade urbana. Segundo relatou, é necesario “mellorar a transparencia administrativa; incrementar o porcentaxe de reciclaxe dos residuos, con medidas como pagar segundo o esforzo de cada cidadán; impulsar a xeración de enerxía con iniciativas renovables e de xestión de comunidades; e activar medidas de protección dos bosques e contornos verdes.
Unha das principais conclusións do Atlas é que a “circularidade avanza, pero con diferenzas internas significativas”. Os datos confirman notables progresos en ámbitos como a recollida selectiva de residuos, a mobilidade sostible e a calidade do aire, pero o ritmo non é homoxéneo. Algunhas cidades presentan un desempeño equilibrado en varios indicadores, mentres que outras acumulan atrasos en indicadores clave.
Santiago, a máis equilibrada
De acordo coa matriz metabólica deseñada polo Atlas, que analiza a entrada de recursos, os fluxos internos, os impactos xerados e a gobernanza, Santiago de Compostela aparece como a cidade máis destacada, cunha nota “excelente”; seguida de Pontevedra, que obtén unha cualificación de xestión “correcta”. En terceiro lugar, coa mesma nota, aparece A Coruña, aínda que con algunha carencia de transparencia. As demais cidades (Vigo, Lugo, Ferrol e Ourense) obtén unha cualificación de “regular”.
O director de Economía Digital Galicia, Julián Rodríguez, explicou durante a presentación que o Atlas Urbano de Sostibilidade en Galicia de Economía Digital Galicia é “un proxecto consolidado”. Así, lembrou que “nestes catro anos percorremos a sostibilidade das sete cidades galegas desde varios ángulos: o medio ambiente en detalle, o cumprimento dos ODS das Nacións Unidas e tamén a sostibilidade das áreas urbanas, máis alá das cidades. Toca agora falar de economía circular”.
O director do grupo Economía Digital, Bernat García, expuxo a relevancia do Atlas Urbano de Sostibilidade en Galicia como “un traballo de valor, que achega unha análise intelixente e sosegada sobre a sociedade e economía de Galicia, nun contexto no que o xornalismo se ve ameazado pola intelixencia artificial”.
No acto de presentación do estudo, celebrado na sede da Fundación Paideia Galicia en A Coruña, participaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.
Avanzar na sostibilidade
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou a importancia do Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia porque “serve ás administracións de moita axuda á hora de seguir buscando e achegando solucións para facer de Galicia unha rexión á vangarda da sostibilidade”.
Ángeles Vázquez recoñeceu que “aínda queda camiño por percorrer” para avanzar cara á sostibilidade, aínda que subliñou que o Goberno galego está “facendo un gran esforzo para mellorar” e acadar “de forma progresiva os retos fixados” a pesar de que nalgunhas materias as competencias corresponden á administración local.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático lembrou que as axudas concedidas ás entidades locais desde 2018 permitiron que “só o 26% dos residuos vaian á escombreira” e que o reciclaxe “aumentase un 38%” desde 2016.
“Estou convencida de que a ampla batería de medidas do Goberno galego permitirá que a medio e longo prazo se acelere a implantación real e efectiva da economía circular”, engadiu.
Ángeles Vázquez subliñou que a “economía circular está no centro das axendas, trátase dunha cuestión urxente, na que nos xogamos o noso progreso inmediato”.
Por iso, subliñou que é “clave apelar, unha e outra vez, á colaboración de todos na superación dos enormes retos que temos por diante. É clave a unión entre administracións públicas, empresas e sociedade en xeral”.
Pola súa parte, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que “Galicia avanza nos indicadores que marca a Unión Europea, pero temos que seguir traballando” e apuntou que “este estudo é relevante pola súa obxectividade. As súas conclusións deben ser un aliciente para as institucións e persoas que nos dedicamos á xestión pública”.
Galicia Smart Bussines
O Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia é un proxecto de Economía Digital Galicia para contribuír á divulgación da sostibilidade e ser unha ferramenta de comprensión integral e medición da contribución das cidades ao cumprimento da Axenda 2030 e os ODS.
Esta iniciativa conta coa colaboración de institucións como a Deputación da Coruña e de empresas como Ence, Espina, Exlabesa Iberdrola, Reganosa, Sogama e Veolia. O proxecto foi elaborado por Roi Pérez Vila, Iago Piñeiro e Daniel Teijeira, consultores de Cecubo Group, baixo a coordinación do sociólogo Xosé Gabriel Vázquez. A dirección de desenvolvemento do proxecto foi realizada polo equipo de Táctica e Estratexia de Comunicación.