O Atlas de ED Galicia está a converterse nunha cita ineludible.
O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, considera que o Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia "serve para ir tomando conciencia" e o director de Veolia Auga en Galicia, Nicolás Esmorís, recalca que este tipo de iniciativas "axudan moitísimo ás empresas" á hora da toma de decisións.
Nicolás Esmorís, director executivo de Veolia Auga en Galicia, xunto a José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE / Pablo Ares Heres
A sede da Fundación Paideia Galicia acolleu este xoves a presentación da cuarta edición do Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia, editado por Economía Digital Galicia. Alí congregáronse máis de medio cento de personalidades que van desde o ámbito empresarial ata o político, pasando polo académico, co obxectivo de coñecer de primeira man os avances en materia de sostibilidade das sete cidades galegas e as súas áreas de influencia.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, puxo en valor esta nova presentación dun Atlas que considera que “está a converterse nunha cita ineludible”. “Estamos todos con expectativas de ver se avanzamos polo bo camiño. Eu creo que si e sobre todo no grao de conciencia que se está xerando no tratamento de residuos e algo que estivo máis presente no último ano que é como protexemos toda a riqueza forestal que temos”, destacou o líder dos socialistas galegos.
Ao seu xuízo, “o máis importante do Atlas é que avanzamos nunha dirección” e, ademais, valora positivamente a inclusión no estudo das áreas metropolitanas das sete cidades galegas. “Servenos para ir tomando conciencia e ver como afrontamos tamén cuestións como o tráfico ou a mobilidade, por exemplo”, apuntou.
“É inviable que haxa un consumo de auga de 400 litros diarios por habitante”
Nesta mesma liña pronunciouse o director executivo de Veolia Auga en Galicia. “É unha magnífica iniciativa que nos axuda moitísimo na nosa operativa como empresa”, recalcou Nicolás Esmorís. “Veolia está adicándose a ámbitos como a auga, a enerxía e os residuos, temas que son tratados no Atlas”, explicou.
“O feito de ver como saen eses indicadores nos sitios nos que estamos servenos para ver que podemos promover e que podemos propoñer aos concellos para que melloren neses apartados”, sinalou o directivo.
Respecto aos puntos abordados no Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia, Esmorís puxo o foco no apartado da auga. Ao seu xuízo, é “inviable que haxa un consumo de auga de 400 litros diarios de auga por habitante”. “Nós intentamos que estea arredor dos 200”, proclamou, facendo referencia a unha media europea de 144 litros á que só se achega Pontevedra (163). Santiago, pola súa banda, roza os 205 litros diarios mentres que A Coruña e Lugo rexistran 249 e 261. No outro extremo está Ferrol, con case 348 litros.
Esmorís lamentou a existencia de perdas de entre o “70% e o 80%” nas redes de distribución. “Somos unha terra que parece que non, pero acabamos de ter secas polo baleirado dos encoros e cando chove desbordanse os colectores”, esgrimiu, antes de puntualizar que iniciativas como o Atlas de Economía Digital Galicia “axudan moitísimo ás empresas” involucradas no sector.