Traballamos para aumentar a probabilidade de que un candidato poida chegar a ser un medicamento.
A biotecnolóxica, que naceu en 2021 como ‘spin-off’ da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de presentar unha tecnoloxía que permite a aceleración no desenvolvemento de fármacos.
Wilson Gomes, CEO de Celtarys
A biotecnolóxica Celtarys naceu en 2021 como spin-off da Universidade de Santiago de Compostela (USC). En apenas cinco anos construíu unha carteira de máis de 40 clientes repartidos entre 14 países de Europa, Estados Unidos e Asia, ademais de establecer colaboracións estratéxicas con multinacionais do sector. A compañía acaba de presentar unha tecnoloxía que permite a aceleración no desenvolvemento de fármacos que se basea en fluorescencia para a avaliación de candidatos a fármacos en fase preclínica.
O ‘kit’ que comercializa permite que calquera laboratorio convencional poida utilizalo sen recorrer á radioactividade, actualmente estándar en moitos procesos. Esta solución reduce ata un 80% os custos de caracterización preclínica e acelera os tempos de desenvolvemento de novos fármacos.
Celtarys, que contou co apoio do programa Ignicia da Xunta, conta cun cadro de 10 traballadores de perfís altamente cualificados. Wilson Gomes, CEO da compañía e con máis de dúas décadas de experiencia en multinacionais como Johnson & Johnson e Danaher Corporation, repasa en conversa con Economía Dixital Galicia os retos de escalar unha tecnoloxía desenvolvida na comunidade con vocación global e as claves dunha innovación que aspira a transformar o desenvolvemento de novos fármacos.
O seu aterrizaxe como conselleiro delegado de Celtarys produciuse en 2024. Que foi o que convenceu a un perfil coa súa experiencia internacional en grandes compañías do sector para asumir o reto de poñerse á fronte dunha spin-off nacida en Galicia e que potencial viu nela?
Desenvolvín a miña carreira no mundo das multinacionais da saúde, como Johnson & Johnson e Leica, cubrindo Europa, Oriente Medio e África; é unha experiencia moi valiosa. Con todo, había un aspecto que sempre botaba en falta: o da creación. Nas multinacionais fanse cousas moi importantes, como achegar a tecnoloxía médica e a innovación a un usuario, que normalmente é o médico ou o sistema de saúde, algo que logo ten un impacto no paciente. É algo que as multinacionais fan moi ben: traen unha innovación ao mercado; fan de ponte, pero non a crean. É algo que se xera onde está a investigación ou a través dunha empresa nova que se compra.
Faltábame esa parte, que é precisamente o que teñen as startups. Cando xurdiu a oportunidade e coñecín ao equipo de Eddy Sotelo —cofundador de Celtarys— e de María Majellaro —cofundadora da compañía e directora científica—, vin un proxecto moi interesante porque é unha tecnoloxía nova cun gran impacto no desenvolvemento de fármacos, onde hai moito, moitísimo que facer.
Aínda está nunha fase moi inicial, pero aquí parece que hai unha boa oportunidade, posto que ten unha aspiración global. Cando pensas no desenvolvemento de fármacos, non podes facelo localmente; tes que pensar que é algo que vai ter un alcance global para os pacientes.
Gustoume moito o proxecto, vin unha oportunidade de encher ese aspecto que me faltaba e participar na creación dunha empresa que xurde para resolver un problema real, que é o desenvolvemento de fármacos, e traela ao mercado.
A tecnoloxía que acaban de presentar promete reducir custos e tempos no descubrimento de novos fármacos. Como explicaría o seu impacto a alguén que non pertence ao ámbito científico?
Sempre digo que no descubrimento de fármacos hai tres números que hai que entender: 2, 10 e 10. Son 2.000 millóns de euros para traer un fármaco ao mercado, son 10 anos e a taxa de éxito é dun 10%; é dicir, de cada 10 candidatos, só un chega ao paciente.
A fase onde se gasta máis diñeiro e que tarda máis tempo é a fase de ensaios clínicos, porque temos que asegurarnos de que vai funcionar nun paciente humano. En Celtarys o que pretendemos é mirar a fase inicial, o que chamamos a fase preclínica, e caracterizar e avaliar moi ben estes candidatos a fármacos. A nosa premisa é moi sinxela: cando mellores ferramentas teñamos, canto mellor estea feita esa avaliación e esa caracterización, máis aumenta a probabilidade de que ese candidato poida chegar a ser un medicamento.
Isto diminúe os tempos e os custos tamén, porque non tes candidatos que se queden polo camiño, aumentando a taxa de éxito.
Un dos aspectos máis chamativos desta tecnoloxía é que permite substituír o uso de materiais radiactivos. Que supón este cambio para a industria farmacéutica e para os laboratorios de investigación?
É un cambio moi importante. O estándar a día de hoxe utiliza materiais radiactivos. Isto supón que ou ben a empresa ou o grupo de investigación ten un laboratorio preparado para traballar con radioactividade, algo que non adoita ocorrer, ou ten que externalizalo. Cando se externaliza, aumentan os custos e os tempos, ao tempo que diminúe o control que o investigador ten sobre o seu experimento. Dalgunha forma, o que Celtarys permite é democratizar o acceso a esta tecnoloxía.
Como o conseguimos? Deixamos de depender da radioactividade, que substituímos por fluorescencia, grazas á tecnoloxía patentada de Celtarys, e, en calquera lugar, en calquera laboratorio, pódese facer a avaliación dun candidato a fármaco.
A compañía comezou co elemento que nós chamamos o ligando fluorescente, que é o que permite facer esa transición. Pero logo demos un paso máis, que foi transformar ese elemento nun kit listo para a súa utilización, que contén todos os elementos, todos os reactivos necesarios para o experimento.
Tamén desenvolvemos algo moi importante, que é a receita, o protocolo, deseñado, validado e optimizado por Celtarys, para que a implementación se faga no mesmo día. Que supón isto para o investigador? que para aquilo que antes tiña que subcontratar ou que, se decidía facelo cos nosos ligandos no seu propio laboratorio, lle levaría semanas ou mesmo meses —comprar todos os compoñentes, axustar as temperaturas, os tempos e a secuencia de traballo— nós proporcionámosllo cun código QR desde o que pode descargar ese procedemento e só ten que seguir as nosas instrucións. O mesmo día ten o seu experimento montado e pode comezar a ter resultados.
Como dicía na rolda de prensa de presentación, o noso obxectivo é que o investigador dedique menos tempo a preparar experimentos e máis tempo a facer descubrimentos.
Con este sistema en cuestión de días empeza a haber resultados e xa se pode decidir se paga a pena seguir investindo nun determinado candidato ou se hai que facerlle cambios.
A investigación biomédica avanza cada vez máis rápido grazas a tecnoloxías como a intelixencia artificial ou a automatización. Como encaixa a proposta de Celtarys nese novo modelo de descubrimento de fármacos?
En Celtarys tamén cremos que hai un antes e un despois coa intelixencia artificial. Sempre tes que ter a plataforma de base, no noso caso é todo o coñecemento á hora de crear o que chamamos a nosa plataforma de conxugación, que é o que permite obter estes elementos fluorescentes. Esa é a base. A intelixencia artificial o que permite é acelerar todo o que di respecto a ese proceso.
Cando creamos un composto novo levamos centos de combinacións. A intelixencia artificial e o machine learning o que permite é acelerar todo ese análise e chegar ao que é un composto, a un ligando fluorescente óptimo en menos tempo.
Celtarys naceu a partir dunha investigación desenvolvida na Universidade de Santiago e apoiada polo programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación. Que fortalezas diferenciais atopa no ecosistema galego de I+D fronte a outros países ou rexións?
Estiven involucrado na creación de empresas noutros países e con outros modelos. Gústame moito o modelo que teñen en Galicia con esta combinación dunha spin-off da USC, e aquí hai un papel moi importante do que é a oficina de transferencia, pero co apoio, neste caso, de GAIN (Axencia Galega de Innovación), a través do programa Ignicia, que vai moito máis alá do que é o investimento inicial. Eles realmente dotan de recursos que permiten construír unha empresa, algo moi importante nesta fase inicial.
A ciencia é moi pouco previsible, ten os seus propios ritmos. Ter un modelo que aguante esa variabilidade é importante. Esta conxugación da USC co programa Ignicia de GAIN é o que deu forma a unha empresa que está ben dotada desde o inicio.
Ademais, hai que ter en conta que, como a creación é sólida, tamén atrae a investidores cunha perspectiva máis arroupada. No noso caso, temos a Vigo Activo, XesGalicia e Semola Tech Ventures, que están a investir non só nunha spin-off da universidade, senón nunha empresa á que se lle deu forma cos recursos necesarios para darlle unha plataforma de crecemento sólida.
Cal é o seguinte gran obxectivo de Celtarys?
Hai un obxectivo fundamental: escalar o que estamos a facer. En si é un desafío importante, porque o gran problema da innovación é a adopción. Non basta con lanzar algo ao mercado e dicir “é novedoso”. Aquí hai todo un traballo estratéxico e táctico para que o cliente final adopte esta innovación. A nós interesanos que sexa a escala global. Hai que ter en conta que gran parte dos nosos clientes están en Estados Unidos, ademais de empresas farmacéuticas de Suíza, Alemaña e Francia.
Se volvesemos falar en cinco anos, que lle gustaría que se dixese de Celtarys e do seu papel na innovación biomédica europea?
O noso soño é que, dentro de uns anos, cando se descubra un novo medicamento, parte dese descubrimento fora posible grazas a unha tecnoloxía desenvolvida por Celtarys, con estas ferramentas que permiten unha mellor caracterización dun candidato a fármaco.
Tamén vimos que nós podemos utilizar esa tecnoloxía para xerar o noso propio candidato a fármaco, algo moi interesante. É un proxecto moi novedoso que iniciamos este ano e ao que lle estamos a dar forma para ter a nosa proba de concepto a finais de ano.
Como comentei na rolda de prensa, hai unha modalidade terapéutica moi novedosa, que son os degradadores de proteínas, chamados PROTACs; só hai un medicamento aprobado, desde maio deste ano. Iso entra dentro do que se chama a medicina de precisión. O que fai é inducir a unha célula con cancro a degradarse. É un avance espectacular e a nosa tecnoloxía encaixa moi ben para desenvolver este tipo de candidatos. É un proxecto que estamos a desenvolver a día de hoxe e, de aquí a cinco anos, encantaríame poder dicir: “estes candidatos a fármacos foron desenvolvidos e iniciados por Celtarys”.