Besteiro culpa a Rueda de «improvisación» e ve a Galicia «sen rumbo nin proxecto»
O secretario xeral dos socialistas galegos considera que os datos oficiais "non avalan" a eficacia da xestión de Rueda, ao que acusa de "improvisación" e "falta de planificación".
05/07/2025 O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. POLÍTICA PSDEG
O secretario xeral do PSdeG fai balance dos dous anos de Alfonso Rueda como presidente electo da Xunta de Galicia. José Ramón Gómez Besteiro censurou que os “datos oficiais” en vivenda, sanidade e dependencia “non avalan” a eficacia das políticas de Rueda.
“¿De verdade Rueda pode mirarlle á cara e falar de triunfo ás 30.000 persoas que agardan por unha vivenda pública, ás máis de 350.000 que agardan por unha cita sanitaria ou ás 16.000 que se atopan nas listas da dependencia?”, criticou o socialista nun audio remitido aos medios.
Besteiro invitou a Rueda a “poñerse a traballar xa” e ve no arquivo do expediente de Altri o “último exemplo” da, ao seu xuízo, mala xestión do presidente da Xunta.
Desde o seu punto de vista, este caso evidencia o que define como “improvisación, falta de planificación” do Executivo autonómico. Segundo denuncia, a súa política industrial está “baseada máis no anuncio que na execución”. “Non se pode falar de reindustrialización mentres se acumulan proxectos fallidos e ausencia de folla de ruta”, advertiu.