Rueda reivindica os seus dous anos como presidente electo e carga contra quen «se opoñen a que haxa industria»
Alfonso Rueda reivindica a súa formación como "unha máquina que funciona", pero pide "non caer na autocompraza" e rexeita un "personalismo esaxerado" á fronte da Xunta.
O presidente do PP de Galicia e presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante un acto do PP de Galicia / Europa Press
Alfonso Rueda fai balance dos seus dous anos á fronte da Xunta tras a vitoria nas eleccións autonómicas de 2024. O presidente galego reivindicou a súa xestión e o traballo do seu equipo -rexeitando un “personalismo esaxerado”- durante este período e contrapuxo o seu modelo fronte ao daqueles que “se opoñen por sistema a que haxa industria”.
Case dous días despois de anunciarse o arquivo do expediente de Altri, Rueda censurou así a postura tanto do BNG como do PSdeG e defendeu a necesidade de apoiar “todo aquilo que se axuste á normativa”.
Hotel Monumento San Francisco, Rueda puxo “deberes” para “non caer na autocompraza”. “Temos que ir a por máis e non renunciar a nada”, proclamou nun evento que contou coa presenza do presidente do PP de Santiago, Borja Verea; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas (Ourense), Marta Nóvoa; a presidenta de Novas Xeracións, Nicole Grueira, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Na súa intervención, o líder dos populares galegos ergueu á súa formación como “unha máquina que funciona” -recollendo as palabras de “quen di que o PP é unha máquina”- e perfilou o seu goberno como un “que responde”. “O personalismo esaxerado pode ocultar que somos un equipo e que as responsabilidades teñen que ser compartidas”, expuxo.
Con todo, chamou a “ir a por todas” nas xerais e, ao mesmo tempo, pediu ao seu propio goberno “ir a por máis”. “Para non caer na autocompraza, hai que poñer deberes”, afirmou, tras o que instou a “non renunciar a nada”.
Tamén insistiu nunha Galicia “que ofrece oportunidades” xusto antes de referenciar a chegada de persoas migrantes, unha das cuestións que máis confrontación xerou coa oposición e o Goberno central: “Aquí non sobra ninguén, abrimos os brazos a todo o mundo; simplemente pedimos que sexa de forma ordeada”.