Rueda deixa no aire o apoio do PP ao acordo do PSOE, BNG e Sumar sobre a transferencia da AP-9
O presidente da Xunta sinala que o Parlamento galego pide desde hai "moitos anos" esa transferencia "por unanimidade" e que agora “os que a estaban bloqueando anuncian que está desbloqueada”.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, antes do Consello. – DAVID CABEZÓN @ XUNTA
Alfonso Rueda deixou no aire cal será a postura do PP ante o acordo selado por PSdeG, BNG e Sumar en relación coa transferencia da AP-9 á espera de que este martes se reúna a ponencia do Congreso.
De momento, o presidente da Xunta non garantiu o apoio dos populares ao texto pactado ao tempo que incidiu en que o mesmo non se axusta a todas as “condicións” que recollía a iniciativa que saíu do Parlamento galego coa unanimidade de todos os grupos.
O mandatario galego apuntou a preguntas dos medios que o PP está a analizar en profundidade o texto que se deu a coñecer este mesmo luns e reivindicou que o Parlamento galego pide desde hai “moitos anos” esa transferencia “por unanimidade”. “Agora vemos que os que a estaban bloqueando anuncian que está desbloqueada. Veremos se iso é certo e se o está nos termos que acordou o Parlamento“, advertiu.
Seguidamente apuntou que o Goberno central “ten que seguir financiando os compromisos adquiridos estes anos; e Galicia ten que estar dotada dos medios financeiros para ampliar as bonificacións”. “E ten que suprimirse o incremento da tarifa do 1% anual durante 20 anos que se acordou na época do presidente Zapatero”, incidiu.
Rueda fixo alusión a este punto en concreto que o acordo ratificado este luns non contempla de forma expresa. Si o facía a lei que saíu do Parlamento de Galicia cara ao Congreso con apoio de todos os grupos con representación no hemiciclo autonómico.
En concreto, a lei que se empezou a tramitar no Congreso, recollía que, coa finalidade de “evitar o desequilibrio en materia de política de peaxes que supón un agravio para a comunidade”, o Goberno asumiría, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, “a supresión da aplicación do incremento de tarifa do 1% acumulativo anual durante os próximos vinte anos”.
“Isto permitirá a amortización das obras de ampliación de capacidade da autoestrada do Atlántico (AP-9) entre as ligazóns de Santiago de Compostela norte e Santiago de Compostela sur e entre as ligazóns de Cangas e de Teis”, engadía.
“É a mesma financiación que, estou seguro, acordarían se o fixeran outras comunidades que o Goberno considera que o están a soster. Se non, será un anuncio incompleto, sen cumprir coas expectativas e as necesidades de Galicia”, remarcou.
Lei aprobada no Parlamento galego
Rueda insistiu en que do Parlamento de Galicia saíu unha lei aprobada por unanimidade e advertiu que todos os partidos deberían esixir “que se cumpra tal e como se acordou”.
Para Rueda, ou o acordo axústase a todas as “condicións” recollidas na lei galega ou a “obrigación” dos populares –e considera que os outros partidos que “apoiaron” o texto inicial galego deberían facer o mesmo– será “dicir que mentres non se cumpran ese acordo de transferencia non se pode aceptar porque está incompleto”.