Actualizado
Feijóo contratou a consultora de Montoro para analizar a situación financeira das caixas galegas.
Durante a súa etapa na Xunta, o agora líder do PP encargou 13 informes ao equipo do exministro de Facenda, agora imputado; todos os contratos son anteriores á súa etapa no Goberno de Mariano Rajoy.

El exministro de Hacienda, Cristóbal Montoro, en una imagen de archivo / EP
Durante a etapa de Alberto Núñez Feijóo, a Xunta contratou en 13 ocasións a Equipo Económico, a consultora fundada por Cristóbal Montoro, agora imputado por valerse do despacho que creou en 2006 para tecer unha suposta rede de influencias na que favorecía a determinadas empresas nas reformas lexislativas a cambio de lucro económico. A situación xudicial do exministro puxo no foco os encargos do Goberno galego á súa consultora, e que este xoves tivo que desvelar a Xunta a raíz dunha solicitude de documentación do BNG a través do Parlamento galego.
Entre os encargos a Equipo Económico estivo tamén unha análise da situación económica e financeira das antigas caixas galegas, Caixa Galicia e Caixanova, que na etapa do propio Feijóo acabarían fusionadas e quebradas, dando paso á nacionalización e venda que derivou na actual Abanca. A factura deste estudo pagouse a finais de 2009. De feito, segundo explicou a Xunta, todos os contratos coa consultora de Montoro son do período 2009-2011, antes de que se convertese en ministro de Facenda baixo o mandato de Mariano Rajoy (PP).
Na esa etapa, Montoro contou como secretaria de Estado de orzamentos con Marta Fernández Currás, a conselleira de Facenda de Feijóo cando se produciu a fusión das caixas, e unha das impulsoras desta operación.
A bancarización das caixas
Tanto a voceira de Facenda do Grupo do BNG, Noa Presas, como o secretario xeral técnico da Consellería, David Cabañó, debateron sobre os informes, que custaron 172.838 euros, no marco da Comisión parlamentaria de Economía, Facenda e Orzamentos. Ademais de anticipar que irán á Consellería a ver o contido dos informes, Presas centrou as súas críticas no estudo relativo á situación económico financeira das caixas de aforros e insistiu en saber se a análise “encargada á trama Montoro” está “detrás do fiasco” das mesmas, así como cal é o papel de Equipo Económico na súa “bancarización”.
Ademais de defender que os expedientes axustáronse aos procedementos administrativos legais correspondentes, sobre o informe relativo ás caixas, Cabañó defendeu que se fai unha análise dos seus indicadores, e que, ante “o máis que previsible escenario de movementos que se estaba producindo, conclúe con cinco posibles alternativas, sen decantarse por ningunha delas”.
Os informes do PP e os do bipartito
“Non fala de ningún tipo de bancarización“, continuou, antes de recalcar que os decretos que determinaron o futuro das caixas galegas son de anos posteriores á data na que se encargou o estudo a Equipo Económico. Ademais, Cabañó incidiu en que o Executivo autonómico non só pedía informes sobre diversos asuntos –e especificamente sobre as caixas ou a situación do sistema financeiro galego– a consultoras externas co PP á fronte, senón que tamén detallou varios que atribuíu ao bipartito.
“Vostede pregunta por expedientes de 2009, 2010 e 2011, pero nos anos anteriores, 2006, 2007 e 2008, tamén había funcionarios na Xunta, funcionarios cualificados entre os que eu me atopaba, e tamén estaban as universidades galegas. Con todo, tamén se facía un gran número de encargos a consultoras externas para a elaboración deste tipo de informes, estudos e traballos”, remarcou.
Os informes de Montoro
Segundo a documentación remitida ao Parlamento, no ano 2009 a Xunta solicitou catro informes a Equipo Económico, por unha cantidade que ascende a 60.320 euros. O de maior cuantía dese exercicio foi, precisamente, o que abordaba a situación das caixas (o total da factura foi de 20.880 euros), pero tamén se pediron estudos sobre medidas para atraer investimento a Galicia, novidades fiscais e a situación económica e cambios previstos para afrontar a crise.
En 2010 houbo un total de seis estudos contratados pola Xunta á consultora fundada por Montoro, cuxo custo total ascendeu a 86.440 euros. Abordaron cuestións como propostas fiscais de interese para a Comunidade, entregas a conta, fiscalidade internacional da I+D+i; a creación dunha axencia tributaria autonómica, a posible prórroga de beneficios fiscais relacionados co Xacobeo 2010; e observacións sobre o Plan Estratéxico de Galicia 2010-2014.
En 2011 houbo tres informes pagados a Equipo Económico por parte da Xunta, por un total de 26.078 euros. Tocaron temas como o límite de gasto non financeiro, a inversión e eficiencia na I+D+i en España; e as “vantaxes” da aplicación dun sistema de prezos de mercado no Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados fixados por orde autonómica.