Galicia emerge como segunda comunidade líder no sector biotecnolóxico tras mobilizar 670 millóns
Alfonso Rueda destaca a “consolidación” da comunidade como unha das rexións de referencia en biotecnoloxía despois da “firme aposta” por este sector nos últimos cinco anos.
O ecosistema biotecnolóxico galego mobilizou 670 millóns de euros e creou 30 novas empresas biotecnolóxicas, o que sitúa a comunidade como “a segunda rexión con máis forza neste sector”.
Así o apuntou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello na que expuxo os resultados da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025 na que destacou a “consolidación” da comunidade como unha das rexións de referencia en biotecnoloxía despois da “firme aposta” por este sector nos últimos cinco anos.
Para o Goberno galego, estes resultados en facturación, emprego, gasto en I+D ou atracción de capital privado fan que alcance unha posición de vantaxe no Estado e reforce tamén o seu posicionamento no ámbito internacional.
A estratexia, impulsada pola Xunta e o Clúster tecnolóxico empresarial das ciencias da vida (Bioga), deu froitos ao “triplicar o número de traballadores” cualificados e pasar de 1.868 a 5.693, por riba do obxectivo de incrementar nun 25% a cifra inicial.
Case 200 millóns de investimento
Entre as principais conclusións do balance, a Xunta puxo en valor que o sector biotecnolóxico galego logrou superar a previsión de investimento mobilizado en 2021-2025, con 670 millóns fronte aos 662 estimados inicialmente. Tal e como explicou o presidente, destes 662 millóns, “un 82% (549) corresponden a apoios públicos, dos cales 182 proceden da Xunta”.
Así mesmo, Rueda destacou que “a creación de empresas vinculadas á biotecnoloxía duplicouse nestes cinco anos ata chegar ás 65”. Ademais, cifrou en 162 as compañías onde a biotecnoloxía está presente en maior ou menor medida nos seus procesos produtivos.
En canto á facturación do sector, a Xunta situouna en 2.037 millóns, o que supón “tres veces máis do previsto”, superando o obxectivo inicial de chegar aos 660 millóns.
Este crecemento, relatou, explícase tanto pola expansión das empresas biotecnolóxicas galegas como pola incorporación de empresas tractoras de gran tamaño que empregan a biotecnoloxía nos seus procesos produtivos.
Aumento do 15% dos investigadores
Sobre o resto de indicadores, o balance amosa un grao de cumprimento xeral que confirma a posición de Galicia como unha comunidade biotecnolóxica de referencia en España.
Por exemplo, apuntou o Goberno galego, o número de investigadores creceu un 15% a falta de integrar os datos de 2025. De feito, o 16% dos investigadores que desenvolven as súas tarefas en Galicia dedícanse á biotecnoloxía, polo que se sitúa como a segunda comunidade autónoma con maior porcentaxe de España.
Rueda tamén indicou que o gasto en I+D+i en biotecnoloxía, o que invisten os axentes do sector en investigación, “creceu nun 89% –fronte ao obxectivo de amplialo nun 45%–, ata acadar os 175 millóns” e superar así as previsións.
Así mesmo, expuxo que a biotecnoloxía representa máis do 16% do gasto total en I+D+i de Galicia fronte ao 13,1% da media estatal, dato que consolida tamén o segundo posto da Comunidade en intensidade de I+D+i biotecnolóxico sobre o gasto en I+D+i total.
Por último, Alfonso Rueda subliñou o feito de que as empresas biotecnolóxicas galegas “conseguiron captar máis de 45 millóns de investimento privado” e superar o obxectivo de 30 millóns.
En canto aos subsectores máis beneficiados polas iniciativas da estratexia, móstrase unha concentración natural no ámbito da saúde (medicina personalizada 24% e fármacos e vacinas 24%), seguido polos recursos mariños (cun 16%), o ámbito ambiental (cun 15%) e o agrogandeiro e forestal co 10% dos fondos mobilizados.
Proxectos I+D+I
Por outra banda, a Xunta concedeu 1,3 millóns de euros a 10 entidades galegas para que desenvolvan seis proxectos de I+D+I que se levarán a cabo con socios de varias rexións europeas.
O Consello abordou este luns un informe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP sobre a próxima resolución da convocatoria ‘Vinnovate’ que posibilitará a cooperación entre universidades, centros tecnolóxicos e empresas de Galicia con diversos socios de Italia, Reino Unido, Austria, Romanía e Portugal.
Trátase dunha liña de axudas que cumpre agora a súa segunda edición e cuxo obxectivo é potenciar unha maior presenza exterior de ‘Galicia Calidade’, promovendo a realización de proxectos interrexionais de I+D+i altamente competitivos.
Isto é posible, destacou o Goberno galego nunha nota de prensa, grazas á integración da Xunta na denominada Vanguard Initiative, unha alianza onde Galicia foi en 2015 a primeira comunidade autónoma española adherida.
En total, foron seleccionados seis proxectos nos que participan 10 entidades galegas e oito doutros países. En concreto, a Universidade de Vigo, o centro tecnolóxico CTAG e empresas dos concellos de Vigo, con tres compañías; O Porriño, con dúas, e Mos, Redondela, Lugo e A Pontenova, cada un con unha empresa.
Os proxectos financiados enmárcanse na categoría de desenvolvemento experimental en áreas de coñecemento como produción de alto rendemento a través da impresión 3D, bioeconomía, intelixencia artificial ou fabricación para aplicacións enerxéticas offshore.