Rueda defende a prioridade nacional de Vox: «Unha maioría de españois e galegos está de acordo»
A miña sensación é que unha maioría moi ampla dos españois e dos galegos están de acordo en que levar tempo aquí, tempo cotizando, contribuíndo e convivindo, é algo que está moi ben que se valore fronte aos que acaban de chegar agora mesmo, declarou o presidente da Xunta de Galicia.
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, comparece ante os medios tras o Consello da Xunta. – XUNTA
Alfonso Rueda avala o principio de prioridade nacional incluído por PP e VOX no seu pacto de goberno en Estremadura. O presidente da Xunta, compartiu este luns a súa “percepción” de que “unha maioría moi ampla” de cidadáns están de acordo en que se valore “levar tempo” vivindo e “cotizando” no país.
Tras ser preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello semanal da Xunta, Alfonso Rueda defendeu que se trata dunha medida “de sentido común” a pesar das discrepancias internas no PP, que o vincula máis cun premio ao cidadán polo arraigo ao marxe da nacionalidade mentres que Vox identifica con dar preferencia aos españois sobre inmigrantes no acceso aos servizos públicos.
“Respecto á prioridade nacional, sinceramente, a miña percepción, a miña sensación, é que unha maioría moi ampla dos españois e dos galegos están de acordo en que levar tempo aquí, tempo cotizando, contribuíndo e convivindo, é algo que está moi ben que se valore fronte aos que acaban de chegar agora mesmo”, argumentou.
Rueda aludiu á regularización de migrantes que se vai acometer e matizou que esta interpretación “non quere dicir que non haxa que atender a todo o mundo e favorecer a integración ao máximo”. “Pero levar tempo aquí, tempo cotizando, contribuíndo e formando parte da comunidade, si é algo a ter en conta. Creo, na miña opinión, que é de sentido común”, rematou o tamén líder do PP galego, que ata este luns non se pronunciara ao respecto.