Galicia implantará en 2026 dúas aceleradoras para proxectos de enerxías renovables e saúde.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou durante a celebración do 25 aniversario de Unirisco a posta en marcha destas dúas novas aceleradoras destinadas a impulsar proxectos innovadores na comunidade.
Alfonso Rueda, durante a súa participación no 25 aniversario de Unirisco./ Xunta
O presidente da Xunta anuncia a implantación de dúas novas aceleradoras o ano que vén. Alfonso Rueda avanzou durante o acto do 25 aniversario de Unirisco que a comunidade se dotará de dúas aceleradoras centradas en saúde e benestar, e en enerxías renovables, respectivamente.
Rueda ratificou a importancia de investir “na I+G+i, a I+D+i galega”. Rueda interveu no Colexio de Fonseca xunto á conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, o reitor da USC, Antonio López, e a directora xeral de Unirisco, Inmaculada Rodríguez Cuervo e alí a importancia de investir en I+D+i e de apoiar iniciativas empresariais innovadoras para xerar novas oportunidades de emprego na nosa comunidade, ademais de ensalzar a “visión e valentía” de Unirisco ao apostar polo capital risco na universidade, demostrando que investir en ciencia e coñecemento non só é necesario, senón que “tamén é rendible”.
A folla de ruta da Xunta
Neste sentido, en referencia velada ao debate sobre a implantación de Medicina nas universidades de Vigo e A Coruña, Rueda destacou que aínda que Unirisco foi inicialmente impulsada pola USC, a esta iniciativa sumáronse tamén as universidades de Vigo e A Coruña. Ao seu xuízo, esta entidade proba de que hai cuestións de interese “para toda Galicia” e de que as tres institucións académicas poden traballar “perfectamente coordinadas”. “Este é un exemplo que esperamos que valga tamén para outras cousas”, aseverou.
O titular do Goberno galego tamén tivo palabras para destacar que en Galicia “estase no bo camiño” e sinalou a relevancia de axudar a converter “unha idea inicial nunha empresa de éxito”, confiando no talento que hai na comunidade, acompañándoo con recursos e traballando con planificación.
Sobre este punto, Rueda lembrou que a Xunta ten en marcha múltiples liñas de apoio, plans de I+D+i, programas e ferramentas xa consolidadas. Entre elas, destacou a Oficina Económica de Galicia -que, desde a súa posta en marcha, rexistrou máis de 30.000 consultas resoltas nun 84% no acto- para “dar facilidades a aqueles que queiran emprender”, ou a rede de aceleradoras galegas. Grazas a elas, indicou que máis de 250 novas empresas foron creadas ou financiadas e máis de 440 compañías recibiron apoio, xerando máis de 1.400 empregos cualificados.
Neste sentido, ratificou a futura ampliación da rede, que o próximo ano sumará dúas novas aceleradoras: unha centrada na saúde e o benestar, e outra nas enerxías renovables. En materia de innovación empresarial, o presidente da Xunta sinalou que en 2026 destinaranse máis de 47 millóns de euros a, por exemplo, “axudar ás empresas a captar e recuperar talento de fóra”. Galicia acaba de escalar nove postos na clasificación europea de rexións innovadoras, sendo a segunda comunidade que máis mellora en España.
Entre os avais á educación e á ciencia, a Xunta destaca o seu apoio a Unirisco na organización das Xornadas ‘Investir en Ciencia sí é posible’, unha ponte entre o talento e a realidade empresarial que nas últimas edicións reuniu a máis de 400 asistentes entre investigadores, investidores, universidades e centros tecnolóxicos.
O papel clave de Unirisco
No acto tamén se fixo balance dos casos de éxito de Unirisco. Segundo os datos da USC, son máis de 40 startups e spin-offs nas que se investiu desde a súa creación, o que permitiu consolidar sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, saúde, alimentación, intelixencia artificial e a economía circular.
Con unha investimento acumulado superior aos seis millóns de euros, a sociedade contribuíu a xerar emprego cualificado e a situar Galicia como referente en innovación. En palabras de Inmaculada Rodríguez Cuervo, “este aniversario reafirma o seu propósito: seguir apostando por proxectos disruptivos que nacen do talento científico e que teñen capacidade para transformar a sociedade”.
Unirisco é unha sociedade persoal de capital risco participada por universidades galegas e empresas líderes, que investe en fases temperás de proxectos científicos e tecnolóxicos con potencial global. O seu modelo único en España integra a todos os actores da cuádrupla hélice: academia, administración, empresa e sociedade.
No acto proxectouse un vídeo coa intervención de Darío Villanueva, reitor no momento da creación de Unirisco. Villanueva definiu as universidades como “factorías de coñecemento” e destacou que a creación de Unirisco obedecía ao que el sempre considerou unha misión esencial do sistema universitario, “a transmisión de coñecemento para xerar riqueza”.
Por súa parte, no papel de anfitrión, Antonio López, reitor da USC, erixiu Unirisco en “unha ferramenta para achegar a universidade á empresa, unha pasarela para volver o coñecemento útil”. Ademais de trasladar o seu recoñecemento a socios e accionistas, destacou que cando a entidade decide participar nun proxecto adoitan sumarse “outros investidores que van detrás”, o que vinculou co seu “rigor”.
No acto tamén interviñeron Carmen Pampín, directora xeral e cofundadora de Galchimia; Julio Castro, cofundador de Palobiofarma e Oncostellae; e Maruxa Quiroga, directora e cofundadora de Tastelab, todas elas empresas participadas por Unirisco.