O Goberno cre que a Xunta quería financiar a Altri «a fondo perdido» sen poñer «un só euro»
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, considera que o proxecto de Altri "non obedecía a ningunha das directrices" que establecían os fondos de recuperación e que "non deu a puntuación necesaria" no procedemento de avaliación.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, durante a celebración dun almorzo informativo en Santiago de Compostela / Europa Press
O delegado do Goberno en Galicia arremete contra a Xunta pola súa política industrial. Pedro Blanco considerou que a Xunta ligou a súa estratexia ao proxecto de Altri en Palas de Rei, unha aposta que definiu como “bastante pobre”.
Tras ser preguntado polo anuncio no que a Consellería de Economía comunicaba o arquivo do proxecto e criticaba o Executivo central pola falta de apoio, Pedro Blanco botou balóns fóra. Ao seu xuízo, o Executivo estatal “non ten culpa de que ao final non se leve a cabo salvo se se pretendía que financiase a fondo perdido unha industria que non obedecía a ningunha das directrices” que establecían os fondos de recuperación.
Dito isto, Pedro Blanco subliñou que o Goberno de Pedro Sánchez sempre foi “respectuoso” coas solicitudes que formulou a entidade pero sostivo que “non deu a puntuación necesaria” nos requisitos, ante o que “o Goberno non pode actuar doutra maneira”.
“Falta de viabilidade”
Ademais, aproveitou para criticar que a Xunta culpe ao Goberno de España deste arquivo cando ela “non achegou nin un só euro” para que esta iniciativa valorada en arredor de 1.000 millóns de euros saíse adiante.
Neste senso, acusou a Alfonso Rueda de fiar toda a súa estratexia industrial a este proxecto. “Durante os últimos anos, décadas, diría eu, do único que se escoitou falar á Xunta foi dunha única empresa, de Altri, e tratar de culpar a outros da súa falta de viabilidade”, censurou.
Frente a iso, puxo en valor a acción do Executivo estatal para “reindustrializar Galicia” con proxectos desde Vigo a Ferrol. “Temos unha política industrial de país na que imos seguir traballando”, asegurou para sinalar que, en canto finalicen os fondos de recuperación, o presidente Sánchez aposta por xerar un fondo soberano cuxa liña se debe seguir.