Só 2 de cada 100 galegos atopa traballo a través das oficinas de emprego
Os datos do IGE revelan que só un 1,6% dos asalariados galegos atopou o seu traballo grazas a unha oficina de emprego pública mentres que un 5,2% o fixo a través dunha ETT.
Imaxe de arquivo dunha oficina de emprego
Galicia pechou o mellor mes de maio da serie histórica tras acadar o mellor mes de maio de toda a serie histórica con máis de 1,11 millóns de cotizantes á Seguridade Social e 109.355 desempregados.
Coa taxa de desemprego instalada no 9% no primeiro semestre, os rexistros do Instituto Galego de Estatística (IGE) deixan aínda patentes algunhas das debilidades que presenta o mercado laboral galego. Unha delas é que só un 1,6% dos asalariados galegos atopou o seu traballo grazas a unha oficina de emprego pública.
Así se desprende da Enquisa de poboación activa: formación, condicións de traballo e experiencia laboral da poboación galega do Instituto Galego de Estatística.
Precisamente o Goberno central, que aprobou hai poucas semanas distribuír 2.572 millóns de euros entre as comunidades autónomas, con cargo ao exercicio orzamentario de 2026 do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), para desenvolver Políticas Activas de Emprego. O Executivo asegura que o obxectivo desta decisión é continuar avanzando cara a un mercado laboral “máis inclusivo, máis estable e con máis oportunidades en todo o territorio”, impulsando programas de formación, orientación laboral e mellora da empregabilidade, en especial das persoas maiores de 52 anos ou os mozos.
Non obstante, por agora descoñécese como se distribuirá esta inversión entre as distintas comunidades con competencias no ámbito das políticas activas de emprego, incluída Galicia. Entre outras cifras, un 5,23% dos asalariados galegos atopou traballo a través dunha empresa de traballo temporal (ETT).
Os empregos máis demandados
A enquisa do IGE revela que a taxa de ocupación do grupo de poboación sen especialidade académica situouse en 2025 no 32,5%, acadando o seu porcentaxe máis alto entre os especializados no sector da Saúde e os Servizos Sociais, con ata un 77,5%, e no de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, que é do 77,2%.
O sector de Negocios, Administración e Dereito é o de maior taxa de ocupación no caso dos homes (77,5%) e o de Ciencias Naturais, Químicas, Físicas e Matemáticas no caso das mulleres (84,8%).
Sobre as condicións de traballo dos galegos, a estatística indica que en 2025 o 85,65% da poboación ocupada en Galicia non traballou ningún día desde a súa casa, mentres que só un 6,62% o fixo máis da metade dos días de traballo e un 6,8% de forma ocasional. Así mesmo, case un 29% dos ocupados na comunidade traballou polo menos dous sábados ao mes e un 6,7% traballou un sábado ao mes. Por outra banda, un 17,2% traballou polo menos dous domingos ao mes.