Actualizado
Luz verde da Xunta a Aluminios Cortizo para a súa fundición de chatarra en Coirós
O Goberno galego outorga a Autorización Ambiental Integrada ao proxecto de Cortizo, que terá unha capacidade de 115.000 toneladas de tocho ao ano e elevará ata as 126.500 toneladas anuais a capacidade de tratamento de residuos no centro de reciclaxe de Coirós.

Nave de Aluminios Cortizo en Coirós / Cortizo
A Xunta concedeu a Autorización Ambiental Integrada á planta de pretratamento e fundición de chatarra que proxecta Cortizo no parque empresarial de Pedrapartida, en Coirós. Alí conta o rei galego do aluminio cun centro de reciclaxe, situado nos antigos terreos de Emesa. A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental será publicada nos próximos días e pon fin ao procedemento de tramitación ambiental ao que foi sometida esta iniciativa. Antes, no mes de xuño, recibiu unha Declaración de Impacto Ambiental positiva.
Os organismos consultados, segundo explica a Xunta, consideraron que o proxecto “non terá impactos significativos” nos distintos ámbitos analizados e que “sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran as condicións establecidas nos seus respectivos informes”. Eses aspectos están relacionados coa protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e canles fluviais; solo e infraestruturas; xestión de residuos; patrimonio natural e integración paisaxística, entre outros.
O proxecto de Cortizo
Cortizo, con sede en Padrón, é un dos maiores grupos empresariais de Galicia, cunha facturación que rolda os 900 millóns de euros anuais e máis de 3.000 traballadores. O proxecto de Coirós, no momento que saíu a exposición pública, prevía que a nova fundición teña unha capacidade de 115.000 toneladas de tocho ao ano, aínda que o funcionamento previsto é inferior, de umas 66.000 toneladas anuais. Do mesmo modo, a capacidade de tratamento de residuos de aluminio elevarase ata as 126.500 toneladas anuais, aínda que a previsión inicial non é que funcione a pleno rendemento, senón que procese umas 72.600 toneladas ao ano. A capacidade de trituración de chatarra multiplicarase por seis, respecto á actual.
A compañía xa posúe centros de fundición para a obtención de tocho de segunda fusión en Extramundi (Padrón) e Mieres, polo que o de Coirós será o terceiro.