A pandemia como acelerador da dixitalización

Nin o tamaño nin a antigüidade de calquera organización poden constituír un freo á hora de apostar pola dixitalización

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

O contexto xerado pola pandemia trouxo consigo unha aceleración no proceso de transformación dixital por parte das empresas e das administracións públicas. O teletraballo instalouse en diferentes ámbitos, moitos deles sen experiencia previa neste eido, e tamén se produciu un feito inimaxinable ata o de agora, como é o de que determinados congresos, foros e xuntanzas laborais e administrativas pasasen a realizarse ao 100% na modalidade en liña, espertando de igual xeito un interese maioritario.

Ás administracións públicas, cos concellos en primeira liña, correspóndenos dar pasos firmes na senda dixital coa finalidade de facilitar o cumprimento de case todos os trámites de xeito telemático. O 2020 constitúe o primeiro ano da historia do Concello da Coruña no que se xestionaron máis trámites de forma electrónica que presencialmente, en concreto, un 17% máis, o que supón unha auténtica revolución na relación entre os cidadáns e a súa administración máis próxima. Un camiño no que temos que seguir avanzando para que ese proceso sexa o máis sinxelo e eficiente posible.

A transformación dixital deixou de ser opcional, mesmo para sectores con baixa intensidade de implantación tecnolóxica

Segundo os datos da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO), entre marzo e setembro de 2020 (é dicir, nos primeiros seis meses do estado de alarma motivado pola pandemia) xa se producira na nosa comunidade autónoma un avance similar ao esperado para os vindeiros cinco anos no eido da transformación dixital. Isto quere dicir que a pandemia multiplicou por dez o tempo de adianto do proceso.

A transformación dixital deixou de ser opcional, mesmo para sectores con baixa intensidade de implantación tecnolóxica, como poden ser os pequenos negocios e comercios de proximidade. Moitos deles comezaron tamén a asesorarse e están a dar o paso, e fano non só para evitar a fenda dixital, senón polas esixencias dos seus clientes, froito dunha nova era marcada por un cambio de modelo. Nin o tamaño nin a antigüidade de calquera organización poden constituír un freo á hora de apostar pola dixitalización.

Dentro da economía galega, o sector TIC ocupa xa o sexto posto en relevancia e a súa contribución ao PIB da nosa comunidade autónoma é dun 3%, segundo o Igape. Particularmente, na Coruña e na súa área metropolitana teñen a súa sede algunhas das industrias tecnolóxicas máis potentes da comunidade. En total, en toda Galicia son máis de 3.000 as empresas encadradas neste nicho de negocio.

Grandes firmas privadas como Inditex aceleraron nos últimos tempos o cambio do seu modelo de negocio. A súa estratexia 2020-2022 integra a venda presencial e en liña, destinando 1.000 millóns a reforzar esta última canle, un cambio de modelo que non só carrexará consecuencias para a propia compañía en si mesma, senón tamén para todos os seus provedores que, necesariamente, deberán adaptarse ás esixencias do grupo. A nivel público, temos o caso do Sergas, tamén, como motor de creación de empresas provedoras con alto valor engadido no ámbito das TIC.

Diante dun cambio imparable como este temos unha oportunidade única para mellorar os servizos á cidadanía, cambiar o modelo produtivo e contribuír, ao mesmo tempo, á sostibilidade do planeta.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

Salir de la versión móvil