A Xunta acusa a Pedro Sánchez de romper «o principio de igualdade» co novo sistema de financiamento.
"Cando comezamos repartindo co separatismo catalán e o que sobra aos demais xa non ten ningún sentido", censurou o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, Diego Calvo, na roda de prensa do Consello da Xunta / Xunta
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes move ficha tras a proposta efectuada polo Goberno para reformar o modelo de financiamento autonómico. Diego Calvo criticou ao Executivo central que o plantexe tras telo dialogado previamente co “separatismo catalán”, en referencia á reunión mantida polo presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, co líder de ERC, Oriol Junqueras, sobre o futuro da lexislatura.
“Aquí non se trata só das cantidades senón das formas”, afirmou a preguntas dos xornalistas, con motivo da súa presenza na presentación da XXVIII Interparlamentaria que celebra o PP na Coruña este fin de semana, e en relación á cantidade que iría destinada a Galicia con este novo modelo de financiamento.
“Haberá que examinar todos e cada un dos argumentos que se puxeron enriba da mesa, pero cando comezamos repartindo co separatismo catalán e o que sobra aos demais xa non ten ningún sentido“, defendeu.
“Rompéuse o principio de igualdade, non é igual vivir en Cataluña que en Galicia ou outra comunidade autónoma, pediríalle máis cautela e ao seu xefe que dé marcha atrás”, sinalou en referencia ás declaracións efectuadas polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que cifraba en 587 millóns de euros os recursos extra que suporía este novo modelo de financiamento para comunidades como a galega.
En rolda de prensa, o representante do Goberno destacou que, de aprobarse o novo modelo, suporía “un 7,6% máis que a poboación real” existente na Comunidade, polo que é “unha das máis beneficiadas por este criterio de poboación”.