Galicia cambia o seu mapa de exportacións: menos enerxía a Francia e máis automóbiles a Turquía.

O mercado comunitario concentrou o 70% das exportacións galegas durante os tres primeiros trimestres do 2025, un 1,2% por baixo do mesmo período do ano anterior, segundo o último Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia.

Cambios no mapa das exportacións galegas. O mercado comunitario acaparou o 70% das exportacións galegas durante os nove primeiros meses do ano pasado. A pesar deste nivel de concentración o negocio externo na UE caeu un 1,2% en termos xerais, sendo especialmente significativo nalgúns países, como Francia, no que as exportacións de produtos enerxéticos chegaron a desplomarse un 81% durante este período. Esta situación contrasta coas exportacións dirixidas ao resto de Europa, que se incrementaron un 15,4%, por riba dos 378 millóns, impulsadas principalmente polas vendas a Turquía, que crecen un 27,7%.

Así se desprende do último Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia, que ten a Fernando González Laxe como coordinador e a José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago Peñas como autores. O estudo sinala que a pesar do alto nivel de concentración no mercado comunitario, nos tres primeiros trimestres do 2025 rexistrouse o valor máis reducido dos últimos seis anos,

As exportacións ao resto do continente europeo concentraron o 12,5% das exportacións, mentres que África do norte mantense como terceira área industrial, cun 6,5% do negocio exterior galego, tras incrementarse case un 8% no terceiro trimestre (108,6 millóns máis). En comparación co mesmo período do ano anterior, as exportacións co continente africano aumentaron un 4,8%, fronte ao 2,8% que aumentaron as vendas con Asia.

“Cómpre mencionar que as exportacións ao norte de África, crecen un 7,9% (108,6 millóns de euros máis); e as vendas aos países de América do sur un 20,1% (98,5 millóns máis). Pola contra, destaca o descenso nun 15,5% das vendas a América do norte (90,5 millóns de euros menos) nos nove primeiros meses do ano”, sinala o informe.

Exportacións por países

O Informe de conxuntura sinala que Francia mantense como o principal destino das exportacións galegas ao acumular o 15,8% do total, “o que supón case un punto e medio menos que no mesmo período do ano anterior”. Este descenso viría xustificado por un retroceso do 81% dos produtos enerxéticos, o que supón 247 millóns menos, e de materiais de transporte, que caen case un 21%, uns 104 millóns menos.

Fonte: Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia

A segunda posición é para Portugal, cuxo peso relativo aumenta ata o 14%, moi preto do 13,9% do 2024, e o terceiro para Italia, cun 10% (-0,5%).

“Entre os dez primeiros destinos dos produtos galegos sete son países da UE, situándose Turquía como sexto destino dos produtos galegos ao exterior, que tras un crecemento do 27,7% concentra o 5,6% das exportacións galegas (4,4% en 2024); por diante do Reino Unido en sétimo lugar, ao acoller o 5,1% das exportacións (5% no ano precedente); e Marrocos na novena posición, cun 4,5%, mesmo nivel que no ano anterior”.

En caso de Turquía o incremento produciríase polo aumento das exportacións do subsector de automóbiles e motos, que aumenta un 24% (180,9 millóns máis) e do sector das materias de transporte, que se dispara un 73%, con 88,1 millóns máis.

Datos xerais

As relacións comerciais con terceiros países aumentaron un 1,1% ata setembro de 2025, fronte ao crecemento do 3,4% do mesmo período do ano anterior. “En termos nominais, as exportacións ascenderon a 23.083,4 millóns, 240,2 máis que en 2024”.

Este crecemento viría motivado polo bo comportamento do sector de automóbiles e motos, que crece un 9% (362,2 millóns máis); o de compoñentes de automóbiles, que aumenta un 14,1% (98,3 millóns); e o de produtos químicos, que sobe un 12,5% (131,7 millóns). Pola súa parte, as caídas máis pronunciadas producíronse nas vendas de produtos enerxéticos, cun 17,6% por debaixo (158 millóns).

“As exportacións galegas correspondentes ao sector do automóbil e motos representan o 22,5% do valor total, fronte ao 23,1% do sector téxtil-confección; e o 9,9% da pesca. A cota de mercado das exportacións galegas no total estatal mantense no 8% alcanzado no ano anterior, o valor máis elevado desde o ano 2011 (8,1%); sendo este peso relativo do 53% no caso da pesca ou do 37,3% no téxtil (14,2% no sector do automóbil)”.

Concentración de exportadores

O Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico tamén fai referencia á concentración do negocio exterior galego. Segundo os seus datos, de xaneiro a outubro exportaron en Galicia de forma regular un total de 2.802 empresas (un 1,5% máis que o ano anterior).

“As cinco primeiras empresas exportadoras concentran en Galicia o 43,8% das exportacións galegas, ascendendo este porcentaxe ata o 52,8% no caso das dez primeiras empresas (30,4% e 38,2% no ano anterior, respectivamente), sendo estes valores significativamente máis elevados que no conxunto de España (9,1% e 14,1%, respectivamente)”.

Tal e como detalla o estudo, este nivel de concentración é lixeiramente superior ao rexistrado antes da pandemia e inferior que antes da crise financeira de 2008. En concreto, en 2019 as cinco primeiras empresas exportadoras acaparaban o 43,5% do negocio exterior e as dez o 52,2%, mentres que antes de 2008 ascendían a 47,9 e 53,9%, respectivamente.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp