O Sindicato Labrego celebra o freazo ao “antidemocrático” acordo entre a UE e Mercosur.
O Sindicato Labrego Galego (SLG) cualifica de "vitoria parcial" a decisión da Eurocámara de paralizar este tratado e envialo á xustiza europea.
Protesta en Lugo convocada por Agromuralla contra o acordo comercial da UE cos países do Mercosur / Agromuralla
O Sindicato Labrego Galego (SLG) celebra a decisión do Parlamento Europeo de paralizar o acordo entre a UE e Mercosur. A asociación defendeu que se trata dunha “vitoria parcial” despois de saberse que este tratado será enviado á xustiza europea.
O secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez López, participará nunha delegación da Coordinadora Europea Vía Campesina (ECVC) que se reunirá este venres, 23 de xaneiro (13.00 horas), en Bruxelas co comisario de Agricultura e Alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen.
A través dun comunicado, o SLG reclama que se pare “por completo” este “antidemocrático” tratado de libre comercio asinado en Paraguai o pasado 17 de xaneiro. Ao respecto considera que as mobilizacións de gandeiros e agricultores foron clave para frear este acordo, sobre o que alerta que vai “asfixiar” ás granxas galegas, unido aos recortes anunciados da futura Política Agrícola Común (PAC).
Desde o Sindicato Labrego Galego esperan que a Comisión Europea deteña a parte comercial do acordo. De non ser así, advirten de que continuarán as mobilizacións.